A Casa do Mel acolle esta fin de semana as Xornadas Avespa 2025 sobre Sanidade e Produción Apícola

TerraChaXa
Completaranse o domingo cunha Xornada Abelleira, centrada na mellora e conservación da abella negra ibérica
xornadas-abelleiras-goente
4 Jun 2025

Os días 6, 7 e 8 de xuño terá lugar en Goente (As Pontes) unha nova edición das Xornadas Avespa 2025, centradas na sanidade e produción apícola. O evento celebrarase na recoñecida Casa do Mel, un espazo de referencia no ámbito da apicultura e da divulgación ambiental en Galicia.

Durante dúas intensas xornadas, profesionais do sector compartirán coñecementos sobre a saúde das abellas, innovacións no manexo do colmenar, control sanitario, diferenciación e posta en valor dos produtos apícolas, entre outros temas de actualidade.

Estas xornadas pretenden ser un punto de encontro entre a investigación, a produción e a conservación, nun entorno natural privilexiado como é o das Pontes, favorecendo a actualización técnica e o diálogo entre axentes do sector.

Estas dúas sesións complétanse o domingo cunha Xornada Abelleira que se desenvolverá na Casa Dopeso e na Casa do Mel de Goente. Trátase dun evento centrado na mellora e conservación da abella negra ibérica, unha das especies autóctonas máis valiosas da apicultura peninsular.

A programación comezará ás 11:00 h cunha charla titulada Os detalles da mellora xenética da abella negra ibérica, a cargo de Egoitz Galartza, veterinario, apicultor e presidente da federación Iberiensis.

Ás 12:30 h celebrarase unha mesa redonda sobre a Importancia da selección na abella negra ibérica, na que participarán Galartza, Benigno Basteiro e Manuel Ferreira, todos expertos recoñecidos no sector.

Xa pola tarde, ás 16:30 h, terá lugar unha demostración práctica de inseminación de raíñas, na Casa do Mel, como mostra do avance científico aplicado á apicultura.

A xornada, organizada pola Casa do Mel coa colaboración do Concello de As Pontes, está dirixida a apicultores, investigadores e persoas interesadas na conservación e mellora das abellas autóctonas. As persoas interesadas poden inscribirse ou solicitar información chamando ao 661 003 616 ou escribindo a casadomel@vodafone.es.

⚙ Configurar cookies
0.17709994316101