A Casa do Mel de Goente firma un convenio co Concello de San Sadurniño

TerraChaXa
A Casa do Mel de Goente firmou co Concello de San Sadurniño un convenio para a promoción da apicultura neste termo municipal.
xeocamping ribas sil
29 Mar 2022

A Casa do Mel de Goente firmou co Concello de San Sadurniño un convenio para a promoción da apicultura neste termo municipal. Foi un acordo a tres bandas, xa que tamén inclúe este acordo a participación da Asocaición da Froita Autóctona do Eume.

Manuel Ferreira, en representación da Casa do Mel foi o encargado de firmar o acordo que delega neste colectivo o mantemento das colmeas  situadas ao pé da plantación de froiteiras. Deberán repoñer elementos deteriorados, protexer as abellas da velutina, ofrecerlle os coidados que requiran e mesmo contratar un seguro de responsabilidade civil polos danos que puidesen causar.

O acordo inclúe unha parte didáctica, vinculada á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural e á organización do curso anual de introdución á apicultura  que se desenvolve habitualmente a mediados de primavera.  Este curso terá un desconto do 50%  para xente empadroada no concello e no caso de que non se xunte un grupo mínimo de 10 persoas para facelo en San Sadurniño podería integrarse nas actividades formativas que ofrece a Casa do Mel nas súas instalacións de Goente.

Por outra banda, a asociación apícola  deberá colaborar nas xornadas Apostando polo sector primario, promovidas polo Concello con axuda técnica da AGFA, da propia Casa do Mel e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, quen este ano tampouco suscribirá convenio.

Tanto a Asociación Galega da Froita Autóctona como a Asociación Casa do Mel deben procurar coordinarse na realización de visitas guiadas -tanto para escolares como para outros grupos que as concertasen previamente-, co obxectivo de ofrecer unha visión integral do proxecto que se desenvolve na Cortiña en relación co papel polinizador das abellas e a importancia das propias árbores para o sostemento do colmear.

As entidades percibirán nestes días como adianto o 75% da cantidade asignada, mentres que o outro 25% se librará cara a finais de ano, cando presenten as facturas xustificativas dos gastos.

0.17311310768127