A Casa Dopeso abrirá a próxima semana unha exposición sobre a historia apícola

TerraChaXa
Comisariada por Ricardo Fernández, a mostra baséase nunha investigación documental e de campo que permitiu construír un relato arredor da apicultura tradicional galega
abellas-apicultura
10 Apr 2026

A Casa Dopeso das Pontes acolle, do 16 de abril ao 24 de maio de 2026, a exposición Abellas e abelleiros, unha relación ancestral na Galicia meleira, unha proposta didáctica impulsada pola Concellería de Cultura do Concello das Pontes que convida ao público a descubrir o fascinante mundo das abellas, un dos insectos máis organizados e traballadores do reino animal.

Comisariada por Ricardo Fernández, a mostra baséase nunha exhaustiva investigación documental e de campo que permitiu construír un relato accesible e atractivo arredor da apicultura tradicional galega. Co asesoramento técnico do abelleiro Manuel Sande, o proxecto percorre o chamado Ano apícola en Galicia, ofrecendo unha visión integral do vínculo entre as abellas e os abelleiros desde unha perspectiva histórica, científica e cultural.

A exposición afonda en aspectos como a morfoloxía e anatomía da abella, o seu ciclo vital e o seu complexo comportamento social dentro da colmea. Tamén se exploran as distintas fases da súa vida, o papel de cada caste e o funcionamento interno da súa morada, desde o nacemento ata a morte.

O percorrido expositivo inclúe unha reflexión sobre os retos actuais que ameazan a supervivencia das abellas. As altas temperaturas rexistradas o pasado verán —con picos de ata 43 °C en Lugo— e a seca prolongada están a provocar unha diminución das floracións. A isto súmanse ameazas como a vespa velutina ou o ácaro varroa, que causan importantes danos nos apiarios. A mostra subliña a importancia de preservar o equilibrio ambiental para garantir a continuidade da polinización e, con ela, de alimentos esenciais para o ser humano.

Outro dos eixos da exposición é a evolución das colmeas, desde os tradicionais cortizos de cortiza de sobreira e os trobos de castiñeiro ata as modernas colmeas mobilistas.

Tamén se recupera a memoria das alvarizas, construcións defensivas de pedra destinadas a protexer o mel dos osos, hoxe en risco de desaparición.

A dimensión etnográfica ocupa un lugar destacado, cunha selección de pezas vinculadas á antiga apicultura galega, como meleiras e castradeiras de barro cocido, caretas de protección, ferramentas tradicionais, prensas de mel artesanais ou antigas centrifugadoras manuais.

A programación complétase cun conxunto de actividades vinculadas á exposición, pensadas para afondar nos contidos abordados e ofrecer unha visión máis ampla da apicultura galega.

O propio día da inauguración, o xoves 16 de abril, terá lugar no salón de actos da Casa Dopeso, ás 19:00 horas, a conferencia A apicultura na comarca do Eume, impartida por Manuel Ferreira, abelleiro e presidente da Casa do Mel.

Ademais, o xoves 21 de maio, ás 20:00 horas, celebrarase a charla Os lagares e as eiras da cera no noroeste da Península Ibérica, a cargo de Damián Copena, profesor e investigador da USC.

O horario de visitas é de luns a venres de 9:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:30 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.

Esta exposición constitúe unha oportunidade única para achegarse ao universo das abellas e comprender o seu papel esencial no equilibrio ecolóxico e na tradición cultural galega.

0.11756110191345