A casa dos peóns camiñeiros de Guitiriz transformarase en Centro de Día
A Xunta de Galicia financia con 67.100 euros a rehabilitación da antiga casa dos peóns camiñeiros de Guitiriz para destinala a centro de día para persoas maiores, achegando así o 60 por cento do orzamento da actuación.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o edificio e constatou que os traballos están practicamente rematados. Trátase dunha casa de dúas alturas que albergará recepción, sala polivalente, sala de curas e consulta, cociña, dous baños adaptados, vestiario, despacho de dirección ou sala de xuntas, entre outras estancias.
Disporá de 13 prazas para persoas autónomas e, con respecto ao persoal, contará con dous auxiliares de xeriatría, un terapeuta ocupacional e un cociñeiro, funcionando como centro de día de luns a venres.
Durante as fins de semana poderá ser utilizado para acoller actividades lúdico saudables para os veciños e veciñas do municipio, esencialmente para os maiores e con capacidade para entre 20 e 30 usuarios. Estás propostas serán gratuítas e de libre acceso, dirixidas por un monitor de tempo libre e voluntarios.
O centro de día está financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da Terra Chá. Neste sentido, o delegado explicou que a Xunta “xestiona e prioriza os fondos propios e os fondos comunitarios na provincia de Lugo con dous obxectivos claros: construír un sector primario forte, moderno e competitivo que actúe como motor económico, e completar as dotacións de infraestruturas e servizos básicos, especialmente nas zonas rurais, para equiparar as condicións de vida e de traballo en todo o territorio”.