A Casa Manuel María reinicia a actividade cunha camiñada por Terras de Aguiar

Este domingo, 28 de setembro, a Casa-Museo Manuel María organiza unha camiñada polas Terras de Aguiar, no concello de Outeiro de Rei, iniciando desta maneira a súa programación cultural de outono. A descuberta do patrimonio arqueolóxico, artístico e natural de parroquias como Vilela, San Lourenzo de Aguiar, Sobrada de Aguiar e Arcos será o fío condutor do roteiro que estará acompañado, nas distintas paradas, por textos e poemas de Manuel María.
A camiñada, dinamizada polo divulgador cultural Orlando Viveiro, ten unha distancia de 7,5 quilómetros e unha dificultade baixa. O seu inicio está programado para as 9.45 (previamente, ás 9.30, os participantes quedarán na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, para se trasladar en automóbiles até o antigo mesón O Ferreiro, en Vilela, na estrada que vai cara á Castro de Ribeiras de Lea, lugar desde onde se comezará a camiñar).
No decorrer do itinerario visitarase o lugar de Saá, cruz do século XVII, así como a Veiga do Chao, onde arrincaban lama os cacharreiros de Bonxe. O itinerario continuará pola Tolda e O Curutín (Sta. María Madanela de Sobrada) na procura da Casa da Torre, onde se poderán ollar diversos elementos patrimoniais tales como a pontella, a capela e un exemplar de hórreo pouco común pola zona. Chegarase até San Pedro de Arcos, para ver un cruceiro, autoría dos canteiros de Román, e o santuario da Virxe das Angustias. De seguido o trazado marchará por Faxilde e A Torre, onde se conserva unha relevante construción medieval, para despois baixar pola Agra de Abeledo, Cruz do Galego, Agra de Escairos e igrexa de Vilela.
A actividade é gratuíta. As persoas interesadas en participar deben inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.