A casa museo de Manuel María acolle a final do concurso de composicións musicais

LugoXa | TerraChaXa
Gabriel Alonso, como barítono, e Ricardo García, como pianista, protagonizarán a gala interpretando as cinco cancións finalistas
composicions-musicais-concurso
2 Oct 2025

A Casa-Museo Manuel María celebra este sábado, 4 de outubro, ás 17.30 hrs, a gala-concerto da fase final da IVª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A esta fase final accederon cinco pezas seleccionadas entre o conxunto das presentadas a concurso, resultando ser da autoría de tres compositores galegos e dous de fóra que compuxeron as súas cancións para piano e barítono sobre poemas de Manuel María: Tenrura, O meu barco, Nas leves tardes de Outono, Eu son de Outeiro de Rei e Alborada, compostas por Manuel Pacheco Sánchez, Luis Serrapio Fernández, Yónatan Sánchez Santianes, Manuel María Veiga Lombardía e Xosé Alfredo Oliveira Pérez.

A gala contará como intérpretes convidados os músicos galegos Gabriel Alonso, barítono, e Ricardo García, pianista. O seu concerto constará de dúas partes. Na primeira interpretarán as cinco pezas finalistas do certame, mentres que na segunda -ao tempo que o xurado estea a deliberar para determinar a canción gañadora- o público asistente poderá desfrutar dunha serie de pezas dos compositores galegos José Baldomir, Manuel Moreno-Buendía, Juan Durán, Xavier Montsalvatge, Antón García Abril e Rosendo Mato Hermida baseadas en poemas de Curros Enríquez, Eduardo Blanco Amor, Miguel Anxo Fernán-Vello, Marica Campo, Ramón Cabanillas, Álvaro de las Casas e Castelao.

Gabriel Alonso, titulado Superior en canto pola Escola Superior de Música Reina Sofía, formou parte de producións con directores musicais como Alain Guingal, Giuseppe Finzi, Gianluca Marcianò, Diego García Rodríguez, Víctor Pablo Pérez ou Pedro Halffter ou de escena como Ignacio García, Pier Luigi Pizzi ou Calixto Bieito. O seu labor como concertista levouno a escenarios como o Richard Strauss Festival, en Garmisch-Partenkirchen, a Herkules Saal de Múnic ou o Teatro da Zarzuela de Madrid. Ademais realizou numerosas estreas absolutas, e importantes compositores actuais como Miquel Ortega, Juan Durán ou Borja Mariño teñen escrito obras dedicadas para a súa voz.

Ricardo Blanco, titulado Superior e Profesor Superior de Piano, é xefe de departamento de pianista acompañante do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol. Recibiu distintos premios de interpretación como o 2º Premio concurso Internacional de Berga (Barcelona) de Musica de Cámara e o 1º premio ao mellor pianista acompañante de España no Concurso Melómano. Realizou a estrea absoluta dunha grande cantidade de obras de compositores como Juan Durán, Fernando V. Arias ou Eduardo Viscasillas, entre outros. Actúa de maneira asidua cos mellores instrumentistas do Estado español, ofrecendo recitais por toda a península.

O concurso Manuel María de Composición Musicais, instituído anualmente pola Casa-Museo, chega este ano á súa cuarta edición e conta cun premio en metálico de mil euros para a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María, alén da publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.

O concurso conta cun salientábel xurado presidido por Margarita Viso, compositora, pianista acompañante, editora de música e musicóloga. Premio da Crítica Galega en 2020. Actuará como vogal Alejo Amoedo Portela, catedrático de Música e Artes Escénicas na especialidade Repertorios con Piano para Instrumentos. Tamén como vogal fai parte Julio Cabo Messeguer, catedrático no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Actúa como secretario, sen voto, Alberte Ansede, presidente da Fundación.

Esta Gala-Concerto é de acceso libre e gratuíto até completar o aforo, que conta coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698177621.

⚙ Configurar cookies
0.085131883621216