A casa museo de Manuel María acolle o sábado a gala do segundo concurso de música

TerraChaXa | LugoXa
A Casa-Museo Manuel María celebra este sábado, ás 17.
concurso musica gala concerto manuel maria
17 Oct 2023

A Casa-Museo Manuel María celebra este sábado, ás 17.30 horas, cunha gala-concerto a fase final da IIª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A gala contará como intérpretes convidados aos músicos galegos Esperanza Mara, soprano, e Juanma Varela, pianista. Os dous ofrecerán un concerto en que, alén de tocar as cinco pezas finalistas do certame, interpretarán oito cantigas e melodías galegas da compositora e pianista Eugenia Osterberger, figura salientábel no mundo musical e cultural de Galiza do último terzo do século XIX.

O concurso Manuel María de Composición Musicais, instituído anualmente pola Casa-Museo, chega este ano á súa segunda edición e conta cun premio en metálico de mil euros para a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María, ademais da publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.

Juanma Varela, intérprete e pianista acompañante, alén de docente no Conservatorio Felipe Paz Carbajal de Noia, onde imparte materias de piano e harmonía, e Esperanza Mara, licenciada en música na variante de canto e de violonchelo barroco, con actuacións nas mellores salas de concertos do noso país e países veciños e profesora de canto no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela, realizarán un concerto dividido en dúas partes. Na primeira interpretarán as cinco cancións finalistas do concurso, Tes un brilo amortecido, Baladiña do salouco confidente, Lembranza da Lagoa de Cospeito, Soños no meu fogar e Falan uns campesiños aos que lles expropiaron as terras, compostas por Teo Montero, Manuel Tizón, Brais González, Gerald David Vázquez e Xesús Xosé Iglesias.

O concurso conta cun destacado xurado presidido por Margarita Viso, compositora, pianista acompañante, editora de música e musicóloga. Premio da Crítica Galega en 2020. Actuará como vogal Juan Durán, autor de obras de música de cámara, vocal, sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega. Foi Premio da Cultura Galega en 2013 e Premio Reina Sofía de Composición en 2018. É membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Tamén como vogal fai parte Xosé Carlos Seráns, músico e compositor e actual presidente da Asociación Galega de Compositores, ademais de xerente da Banda Municipal de Santiago de Compostela.

A continuación, e mentres o xurado realice a deliberación para determinar a canción gañadora, o público asistente poderá desfrutar dun ciclo de cantigas e melodías galegas para voz e piano de Eugenia Osterberger, compositora que contribuíu á consolidación da música culta de raíz galega. Concretamente, Juanma Varela e Esperanza Mara, interpretarán Adiós, miña Manoeliña; Almendriñas nas orellas; Casadiña de tres días; Mariquiña, non te fíes; Agora que ven a leva; Non ch’as quero, non ch’as quero; Adiós, adiós, queridiña; Arriba, pandeiro roto.

Esta gala-concerto é pública e gratuíta mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698177621.

gala concurso manuel maria concerto interior
0.18271088600159