A Casa Museo de Manuel María presenta o sábado o libro que recolle toda a obra teatral do autor
O teatro galego estará de celebración o próximo día 6 de outubro na Casa-Museo Manuel María. Por fin, as 33 obras de teatro que deixou escritas o chairego veranse reunidas nun único volume de setecentas corenta páxinas, en capa dura, quedando así a disposición do público lector e das compañías de teatro para a súa representación. A presentación desta obra terá lugar ás 18:00 horas na propia Casa Museo coincidindo coa celebración dos 89 anos do nacemento do autor.
A edición da obra estivo a cargo da luguesa Mª Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña e estudosa do teatro de Manuel María. Moitas das pezas que se recollen no volume eran inéditas ou de difícil localización e, no seu conxunto, dan boa mostra da salientábel e importante achega ao teatro galego e o lugar sobranceiro que a dramaturxia ten na obra literaria de Manuel María.
Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, e María Pilar García Negro, reponsable da edición, serán as persoas encarregadas de presentar o volume. A presentación encádrase na xuntanza anual, coincidente co aniversario do escritor, que celebran as amigas e amigos da Fundación, amplo grupo de persoas que ao longo do ano colaboran económica e organizativamente coas actividades da Casa-Museo.
Actuación do Mago Antón
Co motivo da efeméride, a Casa-Museo reinicia, tamén este sábado, tras o parón vacacional, a súa programación cultural e faino coa presentación, ás 19 horas, do último espectáculo co que o Mago Antón está a percorrer o país. A través do seu Magomóbil, un camión de 17 metros de longo e 6 de ancho, que estará estacionado perto da Casa-Museo Manuel María, o Mago Antón ofrecerá unha sesión de maxia para todos os públicos.
As persoas interesadas en asistiren a este espectáculo poden reservar a entrada (billete: 2 euros até os doce anos e 5 euros persoas maiores de 12 anos).