A Casa Museo Manuel María escolleu os gañadores do concurso de recitado poético con premios para a comarca

A Casa-Museo Manuel María acolleu este sábado a décima edición do Concurso escolar de recitado poético da obra de Rosalía de Castro e Manuel María, unha cita que reuniu a escolares de distintos puntos de Galicia e que se desenvolveu cunha ampla participación. O certame, titulado Rosalía sempre viva, contou coa presenza de alumnado de entre 6 e 18 anos procedente de diferentes centros educativos.
A xornada desenvolveuse en dúas sesións, unha pola mañá e outra pola tarde, nas que os participantes ofreceron as súas interpretacións poéticas nun concurso que destacou pola calidade das recitacións e pola variedade das pezas escollidas. Esta fase final chega despois dunha primeira etapa celebrada previamente nos propios centros de ensino, onde cada colexio e instituto realizou a súa selección interna do alumnado participante.
Na primeira categoría, correspondente ao alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, o premio foi para Xoel Pintor Aira, do CEIP Concepción Arenal da Coruña, pola recitación do poema O carro, de Manuel María. Na segunda categoría, dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria, o gañador foi Nicolás Teijeiro Castosa, do CEIP Veleiro Docampo de Castro de Ribeiras de Lea, co poema Galiza, tamén de Manuel María.
Na terceira categoría, que inclúe estudantes de Educación Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos, o xurado decidiu outorgar o premio a dúas persoas: Pablo García Martínez, do IES de Foz, pola recitación do poema Acolá enriba, de Rosalía de Castro, e Lidia Parcero Gómez, do Colexio Maristas de Lugo, polo recitado do poema Prá Habana, tamén da autora compostelá.
Ademais, o certame concedeu mencións honoríficas a Dennis Rubianes Baltrán, do CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa, na segunda categoría, pola recitación do poema Quíxente tanto, meniña, de Rosalía de Castro; e a Laura Maceira Otero, do IES Francisco Aguiar de Betanzos, na terceira categoría, polo poema Vivir para ver, tamén da escritora galega.
Desde a Casa-Museo Manuel María agradeceron a participación do alumnado finalista, así como o acompañamento das súas familias e do profesorado, e a asistencia do público que seguiu o certame. A organización destacou tamén o apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo para a celebración desta actividade.