A Casa-Museo Manuel María fai balance do 2024, no vixésimo aniversario da morte do poeta

LugoXa | TerraChaXa
A amplitude e diversidade das actividades desenvolvidas, así como a resposta do público aparecen recollidas nun vídeo editado pola entidade
actividades-casa-museo-manuel-maria6
15 Jan 2025

No ano que vén de finalizar, 2024, véñense de facer xa 20 anos que Manuel María nos deixou, mais o certo é que a súa figura segue moi presente na sociedade galega e a súa obra continúa a ser considerada unha das de maior entidade entre as publicadas na segunda metade do século XX. Desde logo a súa Casa-Museo, en Outeiro de Rei, ten contribuído moito a ese logro grazas a unha intensa actividade de difusión da súa obra, xa sexa mediante a publicación dos seus libros ou levándoa á música, o teatro, os recitados, o audiovisual, a narración oral e todo tipo de facetas artísticas. Neste sentido, Alberte Ansede, presidente da Fundación do escritor, afirmou que “a nosa función é que a obra do escritor chairego estea ao alcance de calquera galego ou galega pois conserva toda a súa capacidade de conmover, de emocionar e de facer que nos sintamos orgullosos da nosa lingua e cultura e isto resulta impagábel”.

Van aló 20 anos sen Manuel María, o amigo e compañeiro, o galego exemplar, o mestre de tantas cousas, o humanista e, sobre todo, o grande escritor. Mais, a este respecto, o presidente da Fundación afirmou que “non queremos manter unha ollada cara ao pasado, unha lembranza melancólica do amigo escritor desaparecido. Nós queremos que Manuel María siga sendo memoria viva, queremos celebrar a súa obra e que o pobo galego continúe a desfrutala”, para engadir logo que “xustamente o obxectivo da Fundación e Casa-Museo é que a súa obra siga alumando os nosos soños e as nosas incertezas, humanizando as nosas vidas e chamando aos galegos e galegas a “espertar do seu sono” tal como recolle o noso himno.

En consecuencia, o noso programa de actividades deste 2024 xa rematado, foi precisamente iso: facer poucas lembranzas melancólicas e moita celebración e recreación da súa obra para darlle unha nova dimensión e unha nova ollada desde o presente.

Nese sentido temos satisfacción de conseguir un nivel de actividade e unha diversidade de públicos moi importante o que só foi posible grazas ao apoio recibido por parte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que desde o inicio nos emprestou a súa axuda.

Para trasladar publicamente ese balance anual, a Casa-Museo editou un pequeno audiovisual que escolma o traballo feito en 2024.

Canto á valoración do sucedido en 2024 é de salientar en primeiro lugar que "ontinuamos incrementando o número de persoas que acoden a visitar a Casa-Museo Manuel María, sendo moi significativa a presenza de centros escolares de toda Galiza pois, aínda que predominan os chegados de Lugo e A Coruña, algúns outros desprazáronse desde ben lonxe como por exemplo Viana do Bolo ou Riós, ambos no sudeste da provincia de Ourense".

As actividades culturais, que programan todos os sábados, con carácter continuado e regular, seguen a ter unha moi boa acollida por parte do público, quer adulto, quer familiar. Unha proposta moi diversa, como sinalan as máis de trinta e cinco actividades de música, cine, teatro, narración oral, poesía, clubs de lectura adulto e xuvenil, certames artísticos de música e teatro, presentacións de libros... que se levaron a cabo na Casa-Museo durante o 2024.

"No caso das actividades para crianzas non podemos ter maior satisfacción pois en case todas elas o espazo quedou escaso para acoller a demanda" dixo. Así foi en propostas moi destacadas na música cos grupos Migallas e Paco Nogueiras, mais tamén no teatro con dúas das compañías galegas máis antigas de fantoches, concretamente Tanxarina Títeres e Os monicreques de Kukas. Ambas tamén deixaron pequeno o auditorio para o número de crianzas e familias que viñeron presenciar os espectáculos.

No ámbito da música, o auditorio da Casa-Museo viviu xornadas verdadeiramente máxicas como o día que acolleu a un dos máis importantes artistas do panorama musical galego e internacional como Abraham Cupeiro; ou cando compartimos o bo facer e a sabedoría do magnífico cantante e percusionista tradicional Xisco Feijoo; ou a xornada de celebración da Gala-concerto da final da 3ª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais con pezas para piano e mezzosoprano; ou cando subiu ao escenario o grupo das galego-belgas Ialma con un concerto emocionante vinculado á emigración que elas mesmas padecen; ou tamén outras actuacións moi relevantes como as de Antía Muíño, conxuntos de longa traxectoria como Doa, ou músicos de consolidada carreira como os irmáns Pedro e Pablo Pascual e Javier e Gutier Álvarez co seu proxecto Irmaus da Raia Seca e outros máis novos como o dúo Crúas ou os nosos veciños Milesios presentando o seu último traballo Cartografías.

O teatro para persoas adultas tamén tivo o seu espazo con obras como Bicos con lingua de Talía Teatro e Vía morta de Culturactiva que deixaron fonda pegada.

Da mesma forma, a narración oral cada vez é seguida con maior interese e, por tanto, sempre ten unha presenza na nosa programación. En 2024 destacaron as contadas de Raquel Queizás, Caxoto e Carmen Conde.

Tamén o audiovisual tivo o seu espazo coa proxección do documental Xove. Democracia nuclear, que narra a loita popular contra a instalación dunha central nuclear en Xove hai 50 anos, loita que logrou impedir a súa construción. Tamén foi destacada a curtametraxe de Anxos García, A rosa incandescente, centrada na nosa máis grande escritora, Rosalía de Castro. Outras fitas que se proxectaron foron as de animación Sandwich cat e Ulises, con ocasión da presentación do libro poético Non aparecen bicis do meirego e produtor de Gaitafilmes, Suso López.

No capítulo de presentacións de libros, o colectivo Comadres das Letras deu a coñecer a súa publicación Contármonos e Xurxo Souto mostrou, con exhibición musical incluída, o seu libro Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta. Linda e emotiva foi tamén a presenza de seis poetas (Marica Campo, Lois Diéguez, Eva Teijeiro, Igor Lugrís, Luz Darriba e Ánxeles Gracián) que en solidariedade co pobo palestino colaboraron na publicación Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina e que presentaron na Casa-Museo xunto con representantes de Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-Árabe Jenin.

Unha nova e exitosa edición, a XI, do Convivio da Cultura Galega celebrouse no mes de xullo con dous elementos moi destacados: "Os Carunchos, grupo tradicional con 30 anos de traxectoria, ofrecéronnos un disco dedicado integramente a Manuel María: Unha gorxa chea de paxaros, facendo bailar o campo enteiro de Santa Isabel; e, por outra parte, pola mañá desfrutamos da estrea da peza titulada Terra Chá, composta por Carlos Seráns para a ocasión sobre tres poemas de Manuel María e interpretada pola Banda Xuvenil de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, Sons e Soños que estivo acompañada pola soprano e profesora de canto Tabea Graser".

Unha das actividades que teñen acadado máis repercusión é a convocatoria do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, destinado ás compañías profesionais e que no 2024 chegou á súa 4ª edición. A convocatoria consolidouse claramente, tanto polas compañías que concorreron como pola importancia do premio pois supón para a compañía gañadora a recepción de 19.000 euros como axuda á produción e nada menos que 40 funcións por toda Galiza. Todo isto é posíbel grazas á colaboración de concellos, deputacións e Agadic. A obra gañadora nesta ocasión foi Berenguela na gaiola, dirixida por Paula Carballeira, premio nacional de teatro, e que será levada á escena polas compañías Xarope Tulú e Galeatro a partir do último cuadrimestre do presente ano e durante todo o 2026.

A importancia que para nós ten a aproximación do público á literatura concrétase no mimo co que coidamos os dous clubs de lectura constituídos, o xuvenil e o adulto", dixo Ansede. En 2024 a novidade, alén da lectura e conversa dos libros escollidos, foi o contributo destes clubs a outras actividades da propia Casa-Museo co recitado de poesía dos seus membros no Día de Rosalía ou na presentación de distintas publicacións.

Tampouco faltaron en 2024 os concursos escolares de recitado Rosalía, sempre viva e de Videopoemas, que chegaron a súa novena e oitava edición respectivamente, cunha magnífica resposta. Nin as camiñadas literarias e descubertas do patrimonio natural e cultural da comarca da Terra Chá ou as actividades realizadas en outros lugares diferentes como é o caso destacado da XV edición das Lúas de Outono, celebrada no teatro Rosalía Castro da Coruña.

Esta intensa actividade levada a cabo pola Casa-Museo durante o ano 2024 foi finalmente valorada por Alberte Ansede como “o resultado do noso afán por darlle continuidade ao esforzo de Manuel María para facer chegar a cultura galega aos últimos recantos do País”, engadindo que “como legatarios da súa obra temos o deber de loitar polos valores que defendía Manuel María, entre os que se atopa o dereito irrenunciábel a vincularnos á nosa lingua e cultura propia”.

Por outra parte, a Casa-Museo Manuel María, tras a pausa realizada polas festas do Nadal, volveu abrir as súas portas para recibir visitas o pasado sábado, no seu horario habitual.

0.1625509262085