A Casa-Museo Manuel María presenta as guías de lectura de tres libros de Manuel María

TerraChaXa | LugoXa
Mañá, a Casa-Museo Manuel María presenta as guías de lectura de tres libros de Manuel María ao profesorado de Lingua e Literatura
anxo gomez cnado o mar foi polo rio portada
14 sep 2022

Mañá, xoves, 15 de setembro, ás 18 horas, a Casa-Museo Manuel María presenta ao profesorado de Lingua e Literatura da comarca da Terra Chá e de Lugo unha serie de guías para apoiar e reforzar a lectura, nos centros educativos e nos clubes de lectura das bibliotecas escolares, de tres obras de relatos curtos de Manuel María. No acto, que se desenvolverá na biblioteca da Casa-Museo, contarase coa presenza do autor das guías, o profesor de Lingua e Literatura do ensino secundario, Anxo Gómez.

As guías publicadas corresponden a cada un dos libros da triloxía de Manuel de Paderna: A tribo ten catro ríos; Cando o mar foi polo río; e Viaxes e vagancias de M.P. Estes libros foron editados por Manuel María na década de 90, dirixidos para público xuvenil e adulto, e foron reeditados pola Casa-Museo Manuel María. As tres obras están protagonizadas polo personaxe, entre a realidade e a ficción, Manuel de Paderna, e localizadas en Outeiro de Rei, parroquia natal do escritor, a Terra Chá e en cidades de Galiza. A través das fermosas historias, que Manuel María escribe, en que se mesturan a realidade e a fantasía, explícase literariamente cada cousa, cada lugar e cada ser humano que vai aparecendo. Son historias ricas e diversas tematicamente e moi acaídas para todos os públicos, nomeadamente para o público lector xuvenil, pois cumpren unha función de axudar a descubrir Galiza, pór en valor todo o patrimonio material e inmaterial para comprenderse e gustarse como pobo e persuadir para estar no mundo como galegos a través do idioma propio.

O profesorado asistente agasallaraselle cos tres libros de Manuel María e as súas correspondentes guías de lectura.

anxo gomez cnado o mar foi polo rio
0.095885038375854