A Casa Niño de Rábade conta con cinco menores inscritos nestes primeiros tres meses

TerraChaXa
A Consellería de Política Social facilita un novo recurso de conciliación gratuíto ás familias do concello de Rábade co impulso da Casa Niño O meu ben, que presta atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos.
030919 Casa Rabade
4 sep 2019

A Consellería de Política Social facilita un novo recurso de conciliación gratuíto ás familias do concello de Rábade co impulso da Casa Niño O meu ben, que presta atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Este centro iniciou a súa actividade en xuño na avenida de Vilalba e conta con cinco menores inscritos. O servizo préstase en horario flexible entre as 8.00 e as 16.00 horas.

As instalacións puxéronse en marcha co apoio da administración galega a través da convocatoria de axudas do ano 2018, que na provincia de Lugo tamén supuxo a apertura de novas casas niño nos concellos do Páramo e Triacastela. En total, son 16 os centros destas características na provincia de Lugo. A actividade das casas niño rematan en 2019 a experiencia piloto, que tiña unha duración de tres anos.

O obxectivo destes centros é facilitar recursos de conciliación e atención á primeira infancia nos concellos rurais. A Xunta financia o servizo, concedendo aos titulares unha axuda económica de 15.000 euros para as obras de acondicionamento e equipamento das instalacións, máis unha prima de 19.600 euros por ano para os gastos de mantemento.

As Casas Niño son un recurso sen custo para as familias pensado para os concellos máis pequenos -con menos de 5.000 habitantes- nos que non exista ningún outro servizo de atención continuada á infancia de 0 a 3 anos.

A Consellería de Política Social activou a finais de xullo a cuarta convocatoria de axudas para seguir a estender a rede de Casas Niño en todo o territorio -actualmente xa se atopa pechado o prazo de presentación de solicitudes-. Está dotada con 1,1 millóns de euros para crear 15 novos centros deste tipo en Galicia.

0.15479016304016