A Casa Niño de Xermade atende a cinco pequenos menores de tres anos
Xermade mantén en funcionamento na actualidade unha Casa Niño que atende na actualidade a cinco nenos e nenas de entre 0 e 3 anos de idade, como un recurso de conciliación gratuíto para as familias, un proxecto pioneiro orientado aos núcleos rurais de Galicia.
As Casas Niño proporcionan atención a nenos e nenas en pequenos grupos -máximo cinco-, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade; comprende a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social.
As familias poderán levar aos nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co profesional responsable do proxecto. Desenvólvense na modalidade de atención diurna e de luns a venres durante todo o ano agás os días festivos e un mes cada doce, en que a Casa Niño permanecerá pechada por vacacións (período que tamén se pactará coas familias).
Para que sexa posible a gratuidade do servizo para as familias, a Xunta financia os gastos necesarios para a reforma das instalacións e a posta en marcha do servizo, con subvencións de ata o 100 % dos gastos elixibles e un límite global por Casa Niño de 15.000 euros.
Igualmente, a Consellería outorga unha achega económica de 19.600 euros ao ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. O período mínimo de permanencia da actividade subvencionada será de 3 anos.