A cervexa Augas Santas, iniciativa do Galp A Mariña, é finalista dun premio de Economía Azul

TerraChaXa | LugoXa
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, presentou a segunda edición dos premios Economía Azul, un recoñecemento aos mellores proxectos sustentables das zonas pesqueiras de Galicia postos en marcha ao abeiro das axudas para proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro.
cartel_buxiganga_2019_WEB
29 sep 2019

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, presentou a segunda edición dos premios Economía Azul, un recoñecemento aos mellores proxectos sustentables das zonas pesqueiras de Galicia postos en marcha ao abeiro das axudas para proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro. Rodríguez destacou que a diferencia da edición anterior, do ano 2017, esta inclúe unha nova categoría para premiar a economía circular nas zonas costeiras. Entre os finalistas, ao premio para o Mellor Proxecto de Innovación local recaeu, en primeira posición, en ‘Augas Santas cervexa artesá da Mariña’ de Mª Jimena Iriarte Moreno e presentado polo GALP A Mariña-Ortegal. 

Ao premio para o mellor proxecto de Apoio á pesca costeira artesanal, en primeira posición quedou ‘Do mar á mesa: Depuración e punto de venda’ da Confraría de Pescadores de Cedeira e presentado polo GALP A Mariña – Ortegal.

Esta categoría, engadiu a directora xeral, súmase ás de apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego no sector pesqueiro e marítimo, diversificación e innovación local e en cada unha delas premiarase un proxecto. Para a elección dos proxectos gañadores, explicou, haberá unha votación pública na que, a partir do 1 de outubro, poderá participar a xente que o desexe a través da páxina web https://galp.xunta.gal/. Cada persoa poderá votar a un proxecto dos finalistas en cada unha das cinco categorías ata o 20 de outubro e en cada categoría premiarase o proxecto que reciba máis votos. Os proxectos premiados anunciaranse o 25 de outubro, nunha gala que se celebrará na Cidade da Cultura en Santiago. 

Susana Rodríguez expuxo que os recoñecementos van dirixidos ás entidades e persoas promotoras de proxectos subvencionados ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP. Ademais sinalou que, a través deles, a Consellería do Mar busca visibilizar o traballo destes grupos nas zonas pesqueiras e motivar a potenciais promotores para que presenten proxectos. Nesta liña puxo como exemplo a edición anterior deste certame bienal na que Arousa foi o territorio que acadou máis recoñecementos, con tres proxectos premiados dun total de catro categorías convocadas. 

En relación ao procedemento de selección das iniciativas gañadoras e as categorías, a directora xeral trasladou que na categoría nova deste ano teranse en conta ideas innovadoras que apoien a economía circular relacionada co sector pesqueiro. En particular proxectos que teñan entre os seus fins a reutilización, reparación e reciclaxe de materiais empregados nas actividades do sector pesqueiro e o deseño de produtos que empreguen materiais que minimicen os residuos e que engadan valor a subprodutos da pesca, entre outros.

A categoría de apoio á pesca costeira artesanal, incluído o marisqueo a pé, contempla aqueles proxectos que aborden, entre outros aspectos, novas canles de comercialización, o aumento do valor dos produtos pesqueiros, a revalorización das especies menos coñecidas, a oferta de produtos de proximidade e tamén solucións para promover o uso dos descartes. Na área de creación de emprego valóranse aqueles proxectos que estimulen a economía das zonas pesqueiras, reforcen o seu atractivo desenvolvendo servizos de alta calidade, capaciten ás persoas e promovan o emprendemento no sector pesqueiro ou marítimo. 

Na categoría de diversificación avalíanse novas actividades no sector pesqueiro e marítimo, a ligazón do turismo e a pesca, diversificación pesqueira cara o turismo pesqueiro, e o fomento e aproveitamento do patrimonio cultural vencellado ao mar. Por último, na de innovación local considéranse as iniciativas que redunden en novas ideas na zona e novas formas de pensar e de facer. A innovación pode referirse a novos mercados, produtos, servizos, métodos de organización e a innovación social. 

FINALISTAS. Susana Rodríguez tamén explicou que os proxectos finalistas foron seleccionados por unha comisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que escolleu tres proxectos por cada categoría entre as propostas presentadas polos GALP. 

Ademais expuxo que os criterios desta selección están determinados polos beneficios que os proxectos son capaces de xerar para o sector pesqueiro. É dicir, pola súa contribución á creación de emprego nas zonas pesqueiras, ao reforzo da identidade, á cultura e ao patrimonio local da zona pesqueira. Tamén polos elementos innovadores no contexto local e a creación de oportunidades para mulleres e mozos/as no sector pesqueiro ou marítimo. 

Os proxectos finalistas desta segunda edición teñen sido:

Ao premio para o mellor proxecto de Apoio á pesca costeira artesanal, en primeira posición quedou ‘Do mar á mesa: Depuración e punto de venda’ da Confraría de Pescadores de Cedeira e presentado polo GALP A Mariña – Ortegal. En segunda posición ficou a ‘Comercialización sustentable mediante a mellora da xestión da trazabilidade’ da Confraría de Pescadores de Noia e do GALP Costa Sostible. E en terceiro posto, o ‘Deseño e desenvolvemento dun protocolo de coxestión entre as confrarías de Muros e Noia para a mellora de aproveitamento dos recursos marisqueiros’, do GALP Costa Sostible.

Ao premio para o mellor proxecto de creación de emprego recaeu no ‘Centro de Elaboración e Transformación de productos do mar,de Mariscos Antón Fernández, S.L, do GALP Costa Sostible. O segundo na ‘Ampliación de Local e Mellora dos Medios Técnicos’ de Nordés Velería S.L e do GALP Ría de Pontevedra. E o terceiro foi para o ‘Albergue Estela do Mar’ de Estela do Mar Sociedade Cooperativa Galega, presentado polo GALP Ría de Vigo-A Guarda.

Ao Premio para o mellor proxecto de diversificación recaeu en primeira posición nas ‘Obras de Restauración do Dique da Cabana e a súa contorna’ do Concello de Ferrol, presentadas polo GALP Golfo Ártabro Norte. En segunda posición quedou ‘Mar da Morosa Artesáns do Peixe’, de Javier Beiro Rebollido e do GALP Costa Sostible. E en terceira, ‘A Guarda, Mar de Sal: Posta en valor das salinas romanas do Seixal e Camposancos como recurso patrimonial e turístico’ do Concello da Guarda e doGALP Ría de Vigo-A Guarda.

Ao Premio para o Mellor Proxecto de Innovación local recaeu en primeira posición en ‘Augas Santas cervexa artesá da Mariña’ de Mª Jimena Iriarte Moreno e presentado polo GALP A Mariña-Ortegal. O segundo, na ‘Planta de produción de aceite de microalgas’ de Carbiotech S.L.U, do GALP Costa da Morte e o terceiro na ‘Mellora económica e diversificación e innovación en produtos da pesca local para interese colectivo’, da Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados, do GALP Ría de Arousa.

Ao Premio para o Mellor Proxecto de Economía Circular foi a parar ás ‘Persoas Diversas + Confrarías = Economía Circular’ de Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) do GALP Costa da Morte. En segunda posición quedou o Taller de Sensibilización Medioambiental da Costa da Morte da Asociación de Redeiras Artesás Illa da Estrela presentado polo GALP Costa da Morte e en terceira, a ‘Produción de Mallas Protectoras biodegradables para o cultivo de mexillón’ de Ecoplas Barbanza S.L e do GALP Ría de Arousa.

0.079790115356445