A cervexa mariñá Augas Santas recibirá un premio de Economía Azul

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta recoñecerá este venres os mellores proxectos de desenvolvemento sustentable nas zonas pesqueiras galegas, promovidos polos grupos de acción local do sector pesqueiro no marco da implantación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).
24 Out 2019

A Xunta recoñecerá este venres os mellores proxectos de desenvolvemento sustentable nas zonas pesqueiras galegas, promovidos polos grupos de acción local do sector pesqueiro no marco da implantación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Será no transcurso da gala da segunda edición dos Premios Economía Azul que se celebrará este venres a partir das 19:00 horas no salón de convencións do edificio Cinc da Cidade da Cultura. Ao Premio para o Mellor Proxecto de Innovación local, en primeiro lugar recaeu en ‘Augas Santas cervexa artesá da Mariña’. Mª Jimena Iriarte Moreno. (GALP A Mariña-Ortegal).

A este evento asistirán a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, os representantes das confrarías de pescadores; unha representante da Rede Europea das Zonas de Pesca (Farnet), e as presidentas e presidentes dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) de Galicia. A gala estará conducida polas actrices Marta Pérez e Diana Sieira de Inversa Teatro e contará cun peche musical a cargo de Davide Salvado.

Os Premios Economía Azul están promovidos pola Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Con eles preténdese visibilizar o traballo dos GALP nas zonas pesqueiras e motivar a potenciais promotores para que presenten proxectos ao abeiro das EDLP dos GALP.

Nesta segunda edición convocáronse cinco categorías: mellor proxecto de apoio á pesca costeira artesanal, mellor proxecto de creación de emprego, mellor proxecto de diversificación, mellor proxecto de innovación local e mellor proxecto de economía circular. Os proxectos finalistas foron seleccionados durante a primeira semana de setembro por unha comisión encargada de escoller tres proxectos por cada categoría entre as propostas presentadas polos GALP. 

Os criterios da selección están determinados polos beneficios que os proxectos son capaces de xerar para o sector pesqueiro, a súa contribución á creación de emprego nas zonas pesqueiras, o reforzo da identidade, a cultura e o patrimonio local da zona pesqueira; os elementos innovadores no contexto local e a creación de oportunidades para mulleres e mozos/as no sector pesqueiro ou marítimo. 

A categoría de apoio á pesca costeira artesanal (incluído o marisqueo a pé) comprende aqueles proxectos que aborden, entre outros aspectos, novas canles de comercialización, o aumento do valor dos produtos pesqueiros, a revalorización das especies menos coñecidas, a oferta de produtos de proximidade e tamén solucións para promover o uso dos descartes.  

Na área de creación de emprego valóranse aqueles proxectos que estimulen a economía das zonas pesqueiras, reforcen o seu atractivo desenvolvendo servizos de alta calidade, capaciten ás persoas e promovan o emprendemento no sector pesqueiro ou marítimo. 

Na categoría de diversificación avalíanse novas actividades no sector pesqueiro e marítimo, a ligazón do turismo e o sector pesqueiro, diversificación pesqueira cara o turismo pesqueiro, e o fomento e aproveitamento do patrimonio cultural marítimo-pesqueiro. 

Na de innovación local considéranse as iniciativas que redunden en novas ideas na zona e novas formas de pensar e de facer. A innovación pode referirse a novos mercados, produtos, servizos, métodos de organización e a innovación social. 

Por último, na de economía circular téñense en conta novas ideas que apoien a economía circular relacionada co sector pesqueiro, en particular proxectos dos seguintes tipos: reutilización, reparación e reciclaxe de materiais empregados nas actividades do sector pesqueiro; deseño de produtos que empreguen materiais que minimicen os residuos e a contaminación; e que engadan valor a subprodutos pesqueiros ou reduzan refugallos alimentarios da actividade produtiva. Para escoller os proxectos gañadores celebrouse unha votación pública entre o 1 e o 20 de outubro na web galp.xunta.gal. 

Os proxectos finalistas desta segunda edición de entre os que sairán os gañadores son:

Ao premio para o mellor proxecto de Apoio á pesca costeira artesanal, en primeiro lugar, ‘Do mar á mesa: Depuración e punto de venda’. Confraría de Pescadores de Cedeira. (GALP A Mariña – Ortegal). Segundo, ‘Comercialización sustentable mediante a mellora da xestión da trazabilidade’. Confraría de Pescadores de Noia. (GALP Costa Sostible) e terceiro, ‘Deseño e desenvolvemento dun protocolo de coxestión entre as confrarías de Muros e Noia para a mellora de aproveitamento dos recursos marisqueiros’. (GALP Costa Sostible).

Ao premio para o mellor proxecto de creación de emprego: primeiro para o ‘Centro de Elaboración e Transformación de productos do mar.’ Mariscos Antón Fernández, S.L. (GALP Costa Sostible). Segundo posto para ‘Ampliación de Local e Mellora dos Medios Técnicos’. Nordés Velería S.L. (GALP Ría de Pontevedra) e terceiro para ‘Albergue Estela do Mar’. Estela do Mar Sociedade Cooperativa Galega. (GALP Ría de Vigo-A Guarda)

E ao Premio para o mellor proxecto de diversificación, en primeiro lugar, ‘Obras de Restauración do Dique da Cabana e a súa contorna’. Concello de Ferrol. (GALP Golfo Ártabro Norte). En segundo, ‘Mar da Morosa Artesáns do Peixe’. Javier Beiro Rebollido. (GALP Costa Sostible) e en terceiro, ‘A Guarda, Mar de Sal: Posta en valor das salinas romanas do Seixal e Camposancos como recurso patrimonial e turístico’. Concello de A Guarda. (GALP Ría de Vigo-A Guarda).

Ao Premio para o Mellor Proxecto de Innovación local, en primeiro lugar ‘Augas Santas cervexa artesá da Mariña’. Mª Jimena Iriarte Moreno. (GALP A Mariña-Ortegal). En segundo, ‘Planta de produción de aceite de microalgas’. CARBIOTECH S.L.U. (GALP Costa da Morte) e terceiro, ‘Mellora económica e diversificación e innovación en produtos da pesca local para interese colectivo’. Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados. (GALP Ría de Arousa).

Ao Premio para o Mellor Proxecto de Economía Circular, en primeiro lugar para ‘Persoas Diversas + Confrarías = Economía Circular’. ASPABER (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños). (GALP Costa da Morte). Segundo, ‘Taller de Sensibilización Medioambiental da Costa da Morte’. Asociación de Redeiras Artesás Illa da Estrela. (GALP Costa da Morte) e terceiro, ‘Produción de mallas protectoras biodegradables para o cultivo de mexillón’. Ecoplas Barbanza S.L. (GALP Ría de Arousa).

0.18458485603333