A Chaira e Ferrolterra unidas coa poesía pola igualdade e contra a violencia machista
A poesía chairega terá importante participación na iniciativa "Poesía en feminino" da Concellaría de Igualdade de San Sadurniño que organiza para o sábado 16 de setembro ás seis e media da tarde no patio da praza municipal un recital poético musical co obxectivo de "visibilizar a creatividade literaria feminina e o seu compromisso pola igualdade e contra a violencia machista".
Ao evento asistirán da NPG Nova Poesia Guitirica Xelo Teijido, Mar Beres, Pas Veres e Antón de Guizán; así como os vilalbeses María Xosé Lamas e Martiño Maseda, a poeta do rural de Quiroga Ana Vila Portomeñe e a pontesa Silvia Pardo Galdo. Tamén estará a poeta de Labrada Luz Campello Garcia (NPG) que ademais de ser unha profesional no ámbito do social tamén acaba de publicar “Inventario do prohibido" no que se fai unha chamada á igualdade real entre mulleres e homes.
Todos e todas levarán os seus versos ao patio interior da Casa do Concello de San Sadurniño onde tamén se poderán escoitar as interpretacións da nativa de San Sadurniño Noreia Hermida Pérez ao piano e a frauta traveseira.
O acto pecharao a cantautora Sandra Tenreiro que presentará o seu último traballo, "InfuSons".