A cheminea da central das Pontes acada dous informes necesarios para a declaración de Ben de Interese Cultural

TerraChaXa
A Plataforma lembra que continúa activa a solicitude formal adicional para a incoación do expediente BIC do Parque de Carbóns e dunha unidade funcional representativa da Central
cheminea-as-pontes-endesa
30 Dec 2025

A Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes anunciou que o expediente para a declaración da cheminea da central térmica como Ben de Interese Cultural xa conta cos dous informes preceptivos necesarios, ambos favorables, emitidos por órganos consultivos competentes. Este avance supón un paso decisivo dentro do procedemento administrativo iniciado hai máis dun ano e que conta cun amplo respaldo social na vila.

Segundo explica a Plataforma, de acordo coa Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dispón agora das ferramentas técnicas necesarias para resolver favorablemente a declaración, baseándose en criterios obxectivos, contrastados e debidamente fundamentados. Desde o colectivo confían en que os criterios técnicos coincidan cos criterios políticos e que a resolución definitiva chegue á maior brevidade posible, ao tratarse dunha demanda sostida no tempo e apoiada por unha parte moi significativa da poboación das Pontes.

A entidade destaca tamén que esta tramitación conta con apoios de institucións técnicas de ámbito estatal e internacional, así como co aval de dous informes de institucións consultivas acreditadas pola lexislación vixente. Para a Plataforma, a consecución destes informes favorables constitúe un fito colectivo, froito do traballo rigoroso, da mobilización social e do compromiso coa defensa do patrimonio industrial local.

Ao mesmo tempo, a Plataforma lembra que continúa activa a solicitude formal adicional para a incoación do expediente BIC do Parque de Carbóns e dunha unidade funcional representativa da Central, integrada pola torre de refrixeración, unha turbina e unha caldeira. Trátase, segundo subliñan, dunha petición baseada en demandas multisectoriais expertas e orientada a garantir a conservación, ou cando menos a avaliación técnica rigorosa, doutros elementos esenciais dun complexo industrial único e con potencial para diversos usos futuros.

Neste contexto, volven reclamar a creación dunha comisión técnica interdisciplinar, coa participación das administracións implicadas, da empresa propietaria e da representación social, tal e como recolle o Manifesto do 5 de agosto, subscrito por máis de 2.000 persoas das Pontes. A Plataforma entende que só a través dunha avaliación compartida, transparente e sustentada en criterios técnicos se poderá tomar unha decisión responsable sobre o futuro destes elementos.

Finalmente, a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes reafirma o seu compromiso cunha defensa serena, documentada e construtiva do patrimonio industrial da localidade, que considera parte esencial da identidade colectiva e unha oportunidade de futuro para o territorio.

⚙ Configurar cookies
0.066773891448975