A CHMS investiu máis de 172.000 na limpeza dos ríos Anllo e Azúmara en Castro de Rei e Cospeito

LugoXa | TerraChaXa
Procedeuse á retirada de árbores secas, en pé ou caídos sobre o leito, ademais elimináronse os elementos arrastrados pola corrente
limpeza-rio-anllo-e-azumara-chmes
8 Out 2024

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, finalizou os traballos de limpeza de leito e marxes dos ríos Azúmara e Anllo, ao seu paso polos municipios lucenses de Castro de Rei e de Cospeito.

Estas actuacións, incluídas na programación de conservación do Dominio Público Hidráulico (DPH) dos ríos da Demarcación Miño-Sil neste ano, supuxeron un investimento de 172.000 euros.

En ambos os leitos procedeuse á retirada de árbores secas, en pé ou caídos sobre o leito, ademais elimináronse os elementos arrastrados pola corrente obstructores do leito. Estas actuacións executáronse de forma manual no leito e con apoio de maquinaria desde o exterior do mesmo con cabrestante desde un punto fixo situado na beira ou marxe.

Así mesmo, realizáronse rozas selectivas de matogueira perimetral, poda e clareo de ramas baixas, co obxectivo de mellorar a composición da vexetación de ribeira.

Unha brigada composta por 4 operarios especializados e un capataz, traballaron no rio Azúmara, ao seu paso por Castro de Rei, durante 44 xornadas laborais. Estes traballos executados ao longo de 6km de leito, melloran a capacidade hidráulica do río e da composición da vexetación de ribeira.

No río Anllo, ao seu paso polos municipios de Cospeito de Castro de Rei, 5 operarios especializados traballaron durante 78 xornadas en máis de 7,1 km de leito. O tramo de actuacións que incluía algunha zona con protección de Rede Natura 2000, contaba coa correspondente autorización da autoridade ambiental e os traballos executáronse conforme ás recomendacións que evitan afeccións negativas aos lugares catalogados.

“Desde a CHMS traballamos para que os cidadáns gocen e valoren a riqueza natural que forman os ríos e o ecosistema que os sustenta, coñecer para valorar, este é o obxectivo”, concluíu o presidente.

0.13222408294678