A CHMS limpa o Ladra á altura da ponte de Uriz
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mellora a capacidade de desaugadoiro da ponte de Uriz, situado entre os municipios de Begonte e Outeiro de Rei no LIC Parga-Ladra.
Estas actuacións están incluídas no encargo á empresa Tragsa para o Servizo de Conservación e Restauración de leitos da Demarcación Miño-Sil, que se prorrogarán ata final de ano.
A ponte de Uriz, sobre o río Ladra, data do século XIX, de fábrica de pedra, e que polas súas características acumula con facilidade restos de árbores no leito o que supón unha diminución importante da capacidade hidráulica do mesmo, que, pola forza da auga, podería deteriorar a propia infraestrutura.
Para evitalo, procedeuse á retirada dos troncos, entre os que destaca unha árbore de gran porte e unha cepa, así como a vexetación retida e acumulada nos alicerces da ponte. Os traballos foron executados por unha brigada composta por catro operarios especializados co apoio mecánico dun camión-guindastre con bivalva e tractor.