A CHMS visita o lugar onde se fará o Centro de Intepretación dos Ríos
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, visitou A Lagoa de Fonmiñá (Concello da Pastoriza), acompañado polo alcalde do municipio, Primitivo Iglesias, para situar “in situ” o futuro Centro de Interpretación dos Ríos.
Esta infraestrutura forma parte dun proxecto global a través do que se executará unha senda fluvial desde A Lagoa de Fonmiñá ata o Pedregal de Irimia, municipios da Pastoriza e Meira, respectivamente. O centro proxectado, que se fará realidade en 2021, pretende converterse nun lugar de referencia a través do que se divulgarán os valores dos ríos e o ecosistema que os sustenta.
Como complemento ao anterior, na zona do Pedregal de Irimia executarase, tamén, un Centro de Interpretación que terá como obxectivo a divulgación dos aspectos xeolóxicos e hídricos da demarcación.
“Neste momento comezamos coas localizacións para poder iniciar o bosquexo de proxecto, estrutura, dimensións e deseño exterior e interior dos mesmos. No exterior respectaremos e evitaremos o impacto visual atendendo aos valores naturais e paisaxísticos da contorna; pensando en edificacións sinxelas e construídas con materiais da zona”, explicou Quiroga.
“En canto ao deseño interior, entendemos que ha de ser simple e intuitivo e dotado de tecnoloxía adaptada aos novos tempos, co ánimo de facelo atractivo para foráneos, visitantes e moi enfocado á comunidade escolar”, matizou o presidente.
“A idea é dotar a esta demarcación do Miño-Sil de espazos de referencia, didácticos e interactivos, onde poder explorar e coñecer a importancia do coidado e conservación dos recursos hídricos. Para iso, potenciaremos e valorizaremos a auga, os monumentos naturais e paisaxísticos dos ríos, a xeoloxía do terreo, o ecosistema ao redor dos leitos, a necesidade do bo uso do recurso, etc.”, concluíu José Antonio Quiroga.