A choiva non desluciu o Entroido de Guitiriz, que se celebrou no pavillón

O Concello de Guitiriz celebrou o pasado martes, 17 de febreiro, unha nova edición do Entroido, unha das festividades máis destacadas do municipio, que contou con máis de 1.600 euros en premios achegados polo propio Concello e pola Asociación Xermolos.
A xornada deu comezo ás 18:00 horas no Pavillón Municipal Jonathan Carro Paz e estivo amenizada pola música de Bloquinho de Xermolos, que puxo ritmo e animación a unha tarde marcada pola participación e a creatividade.
No marco da programación celebrouse o II Concurso de Disfraces e Comparsas Premio Especial Concello de Guitiriz, organizado polo Concello, que nesta segunda edición consolidou esta cita como unha festa de tradición popular orientada a fomentar a participación activa, creativa e interxeracional da veciñanza.
O certame contou con tres modalidades de participación e cunha dotación económica total de 1.245 euros, superando a contía da edición anterior. Na categoría comparsas, os gañadores do premio de 620 euros foron A Fábrica de Doces e Rondalla de Lagostelle; na de grupos, os gañadores foron Carrusel, cun premio de 375 euros.