A CIG acusa á alcaldesa de Guitiriz de mala fe por convocar un ERE no GES
A CIG vén de acusar á alcaldesa de Guitiriz , Regina Polín, de asinar un decreto de Inicio dun Expedente de Regulación de Emprego para o persoal do GES e solicita dos candidatos e candidatas de Guitiriz unha entrevista "posto que entendemos que a efectivización deste ERE no momento actual non procede por distintos motivos".
"O anuncio da realización deste ERE amosa claramente a mala fe da actual alcaldesa, a cal no mes de xaneiro se cansou a dicir que ela non ía facer negún ERE, senón que ía facer un ERTE, e que este sería ate que outro Concello acollera a sede do GES. A mala fé da alcaldesa constátase claramente cando despois de que se lle teña advertido da ilegalidade do ERTE, continúe coa aplicación do mesmo, deixando ademais aos traballadores e traballadoras afectados nunha situación de precariedade e indefensión despois que desde o SEPE se lles denegara o dereito á prestación debido á nulidade da medida adoptada.
Desde a CIG entendemos que a aplicación dun ERE non é a solución ao problema, senón que o que vai provocar é unha nova xudicialización da política laboral do Concello e que vai supor unha vez mais importantes perxuizos para Concello, deixando hipotecados neste aspecto á nova corporación", alegan.
A CIG afirma que o Concello de Guitiriz debe de solicitar a súa inclusión de novo como sede dos GES, voltar á normalidade coas obrigas dos membros do mesmo, e completar a plantilla do GES mediante un proceso público de selección de persoal. "Non é de recibo que o Concello estea a gastar indefinidamente cartos de todos e todas as veciñas de Guitiriz para que un servizo de emerxencias non funcione. Un servizo que ademais os seus custos laborais están subvencionados ao 100% entre Xunta de Galiza e deputación Provincial", engaden.
"Entendendo pois que de levarse adiante a execución do ERE, as consecuencias do mesmo van recaer sobre o futuro goberno municipal, desde a CIG solicitaremos unha entrevista aos e ás candidatas a alcalde/sa de Guitiriz para poder expoñerlle a situación do GES e cales son ao noso entender os problemas que levaron á situación actual. Esperamos que os mesmos se presten a recibirnos, algo que ao que por certo se negou sempre a actual alcaldesa", conclúen.