A CIG asegura que a residencia de maiores de Castro Ribeiras de Lea está sen material sanitario
A CIG-Servizos denunciou a "precarísima situación" na que se atopa a atención sanitaria na residencia de Castro Ribeiras de Lea (no Concello de Castro de Rei e de titularidade pública pero coa xestión privatizada) debido á falta de subministración de material por parte do Sergas.
Afirman que o centro, no que residen 172 persoas, a maioría delas grandes dependentes, leva unha semana sen material para facer as curas pero até o día 14 o Sergas non fará envío do novo pedido. "Este problema vénse arrastrando dende hai un ano, pero o servizo público de saúde foi recortando tanto que agora non temos nin gasas para facer as curas das úlceras", salienta a representación da CIG na residencia.
Subliñan que ao ser un centro de titularidade pública, os pedidos do material sanitario básico (como gasas, parches de curas, sondas ou xiringas para aplicar a medicación das e dos usuarios) fase directamente ao Sergas, que é a administración responsábel de cubrir as necesidades nesta materia.
"Porén, dun tempo a esta parte, o Sergas comezou a restrinxir o material que se pode solicitar até o punto de que nas follas de pedido a través das que o persoal de enfermería marca que cantidade precisa de cada material, "só dá opción a un pedido de mínimos que non chega para nada". Como exemplo, explican que só poden pedir un máximo de 5 sondas rectais e de aspiración, cando no centro viven máis de 170 persoas.
A representación da CIG xa trasladou as queixas por estas eivas á dirección da residencia (xestionada pola empresa CK Sénior) para que interviñera ante a administración galega, pero os problemas, lonxe de solucionarse, estanse agravando. De seguir así, advirten, "os usuarios e usuarias acabarán tendo que ir ao hospital para que lles dean a atención que aquí non podemos ofrecerlle por falta de material tan básico como unha sonda".
A CIG-Servizos de Lugo-A Mariña reclámalle á Consellaría de Política Social (responsábel da residencia) e á Consellaría de Sanidade que deixen de recortar na atención ás persoas maiores e ás persoas dependentes e que garantan unhas condicións dignas e de calidade para as usuarias e usuarios das residencias.