A CIG denuncia a supresión do servizo de enfermaría de noite na residencia de Castro Ribeiras de Lea
A dirección da residencia de maiores de Castro Ribeiras de Lea vén de comunicarlle á representación social a súa intención de suprimir a quenda nocturna de enfermería, ficando só o persoal auxiliar para atender as persoas residentes durante as noites, segundo informa a CIG, que engade que esta decisión da empresa CK Senior está amparada polo orde de ratios publicada pola Consellaría de Política Social o pasado 13 de decembro, que eliminou a obriga de que os centros cun número superior a 40 prazas asistidas conten coa presenza física as 24 hora do día de persoal de enfermería.
A CIG xa denunciou no seu momento que esta rebaixa de requisitos só tiña como obxectivo beneficiar as empresas do sector a conta de aforrarlle custes laborais e de recortar aínda máis a calidade asistencial ás persoas usuarias. "No caso da residencia de Castro Ribeiras de Lea, de titularidade pública pero de xestión privada, CK Senior acaba de trasladar a súa pretensión de eliminar a quenda de enfermería de noite, a pesar de contar con profesionais suficientes para ter carteleiras de mañá, tarde e noite e contar cunha persoa correquendas para cubrir as vacacións", din.
"Trátase dunha decisión puramente económica para aforrar cartos", denuncian as delegadas da CIG. Explican que a supresión da quenda suporá modificar as condicións laborais de todo o colectivo de enfermeiras, que levan anos traballando coa mesma rotación e cunhas carteleiras acomodadas ás diferentes necesidades de conciliación. "Temos compañeiras que teñen recoñecida a conciliación para a quenda de noite e agora van perder ese dereito e ademais está o problema da cobertura de ausencias", sinalan.
As persoas usuarias, as máis prexudicadas
Porén, para as representantes da CIG o máis grave é a perda de calidade asistencial que sufrirán as e os residentes, "ao quedar sen persoal sanitario cualificado que os poida tratar no centro". Lembran que na residencia de Castro Ribeiras de Lea viven máis de 170 persoas, a maioría delas grandes dependentes que reciben medicación que o persoal auxiliar non pode dispensar por falta de formación, como os tratamentos intravenosos ou os opiáceos, ou porque non ten acceso á medicación.
"Moitos usuarios e usuarias non poderán ser atendidos no centro polas noites e incrementaranse as derivacións aos centros de saúde e hospitais. Que vai pasar cunha persoa que reciba tratamento complexo e a dispensación deste remate ás dúas da mañá, vana trasladar de noite ao hospital?", cuestionan. Xunto a isto, explican que hai situacións non derivables (incrementadas pola decisión da Xunta de ingresar persoas con doenzas psiquiátricas en residencias de maiores), pero que tampouco poderán ser tratadas de maneira adecuada na residencia.
Por iso, a CIG tamén quere pór en coñecemento das familias este recorte na calidade asistencial, "xa que un dos reclamos da empresa é precisamente que ofrece servizos de enfermería no centro as 24 horas do día. Algo que podería deixar de ser unha realidade nos vindeiros meses grazas ás políticas de precarización laboral e de mercantilización dos coidados practicadas pola Xunta de Galicia".