A CIG denuncia irregularidades en Alcor Seguridade
A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén que denunciar "os reiterados incumprimentos e falsedades documentais" nos que incurre a empresa de seguridade privada Alcor Seguridad S.L. "que presta servizos na Xunta de Galicia, Biblioteca do Castro de Viladonga, Colexio Santo Anxo e na Audiencia Provincial de Lugo.
Asegura que Alcor leva sen pagarlle os salarios a varios traballadores ("a algúns deles dende a mesma data na que se lle adxudicou o servizo á empresa") que presentaron demandas ante o Xulgado do Social, denuncias na Inspección de Traballo "que nos seus informes deixa acreditados os graves incumprimentos da empresa".
"Esta situación que vulnera e atenta contra os dereitos dos traballadores xa foi comunicada e documentada ante a Xunta de Galiza xa que neste intre ten en fase de adxudicación distintos servizos na provincia de Lugo e a CIG está valorando remitir denuncia-expedente á Fiscalia", engaden.
A CIG agarda que a Xunta de Galiza "adopte as decisións políticas que impidan que empresas piratas inflen as suas contas de resultados con cartos públicos a costa de vulnerar reiteradamente os dereitos dos traballadores".