A CIG denuncia o despedimento dunha traballadora na factoría Sada de Castro

TerraChaXa
A Confederación Intersindical Galega denuncia o despedimento dunha traballadora na factoría Sada PA Castela Galicia S.
16 Jan 2020

A Confederación Intersindical Galega denuncia o despedimento dunha traballadora na factoría Sada PA Castela Galicia S.A. de Castro de Rei que califica de "represalia" pola súa participación como candidata nas eleccións sindicais do pasado 11 de decembro.

Nun comunicado remitido aos medios, a CIG sinala que na factoría de Castro Ribeiras de Lea do Grupo Sada, o matadoiro de aves e coellos máis grande de Lugo, no que traballan un total de 279 persoas, celebráronse eleccións sindicais nas que resultou gañadora a central nacionalista, en cuxa candidatura figuraba a traballadora.

"A traballadora afectada foi despedida sen ningún tipo de xustificación, o que alimenta as sospeitas de que claramente é unha represalia pola súa participación no procedemento electoral na candidatura da CIG", asegura.

A CIG sinala que, no seu despedimento disciplinario, a empresa alegou incumprimentos no desenvolvemento da súa actividade, uns feitos que considera "completamente falsos" cando a traballadora levaba "algún tempo en situación de baixa médica, tras a cal se lle aplica o goce das vacacións pendentes". Con todo, apunta que o mesmo día da súa incorporación ao posto de traballo foi despedida.

O sindicato nacionalista tamén cre que "o despedimento supón unha ameaza ao conxunto do persoal, así como unha postura de forza ante a posición da CIG polos despedimentos inxustificados no momento no que se asumiu o persoal da falsa cooperativa Servicarne en 2019".

"Lembramos que Sada foi unha das últimas empresas en asumir a incorporación formal deste persoal e para isto simulou un falso proceso selectivo denunciado por esta central sindical", sinala.

Dende a CIG estanse a daros pasos necesarios en sede xudicial para reclamar o despedimento nulo desta traballadora e, polo tanto, a súa readmisión, "polo que no sucesivo valoraranse as oportunas actuacións que se poidan derivar deste conflito", conclúen.

0.15907096862793