A CIG denuncia que a residencia de maiores de Castro Ribeiras de Lea leva máis de tres meses sen médico propio

LugoXa | TerraChaXa
As delegadas sindicais alertan de que casos que poderían resolverse na propia residencia acaban derivando en ingresos nas urxencias hospitalarias debido á tardanza na atención médica
residencia-maiores-castro-ribeiras-de-lea
10 Feb 2026

A residencia de maiores de Castro Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei, permanece sen persoal médico dende o pasado mes de novembro. A empresa concesionaria do centro, CK Senior, sostén que a atención sanitaria ás persoas usuarias está suficientemente cuberta a través do servizo de emerxencias 061, unha postura que xerou unha forte contestación sindical e preocupación entre as familias.

Así o denuncia a representación da CIG, que engade que a ausencia dun médico ou médica está a ter consecuencias directas no día a día do centro. "A falta deste profesional provoca atrasos na prescrición de tratamentos, na renovación de medicacións ou na aplicación de pautas específicas, funcións que non poden asumir nin o persoal de enfermería nin o resto do cadro de traballadores por non estar autorizados legalmente. Esta situación obriga, ademais, a derivar persoas residentes ao centro de saúde da localidade, xa saturado, o que supón demoras nos diagnósticos e no inicio dos tratamentos", engaden.

As delegadas sindicais alertan de que casos que poderían resolverse na propia residencia acaban derivando en ingresos nas urxencias hospitalarias debido á tardanza na atención médica. As chamadas ao 061 e os traslados ao hospital convertéronse, aseguran, "nunha práctica habitual no centro". Na residencia viven arredor de 170 persoas, moitas delas cun alto grao de dependencia, e a normativa vixente establece a obrigatoriedade de contar con persoal médico propio en instalacións destas características. Para a CIG, a negativa da empresa a cubrir a baixa responde unicamente a criterios económicos.

A situación motivou que un familiar presentase unha denuncia ante a Inspección de Política Social, que realizou unha visita ao centro. Con todo, desde a representación sindical critican que a actuación da Inspección non serviu para corrixir a falta de médico, senón que se limitou a introducir máis tarefas administrativas para o persoal de enfermería e xerocultor. Denuncian tamén que a administración "dea por cumpridas as ratios de persoal contabilizando traballadores en situación de baixa ou permiso, sen contrastar coa realidade diaria do servizo nin facer un seguimento efectivo das deficiencias detectadas".

Outro dos aspectos sinalados é o funcionamento do servizo de fisioterapia. A empresa promociona este recurso como un dos atractivos da residencia, chegando incluso a recibir pacientes derivados dende o HULA para procesos de rehabilitación. Porén, segundo a CIG, o fisioterapeuta só acode ao centro un día á semana, os venres, moi lonxe da atención continuada que se dá a entender.

No plano laboral, o sindicato denuncia unha actitude de bloqueo por parte da dirección da residencia, que estaría a aplicar unha política de imposición nas condicións de traballo. Entre as prácticas sinaladas figuran a denegación sistemática de días de libre disposición, a imposición de quendas, vacacións e descansos, así como a negativa a negociar coa representación legal do persoal. A CIG reclama un cambio de actitude por parte da dirección e a apertura dun diálogo real que permita mellorar tanto a atención ás persoas usuarias como os dereitos das persoas traballadoras.

Desde CIG-Servizos advirten de que a situación desta residencia non é un caso illado, "senón un reflexo do deterioro xeral do sector dos coidados, marcado pola falta de persoal, a sobrecarga de traballo e unhas condicións laborais precarias. Esta realidade, engaden, dificulta a captación e retención de profesionais". Mentres tanto, critican que a negociación do convenio colectivo leve máis dun ano paralizada e que a Xunta de Galiza contribúa a esta precarización coa redución das ratios de persoal e coa eliminación de esixencias como a presenza física de enfermería as 24 horas nas residencias.

⚙ Configurar cookies
0.060169219970703