A CIG di que a "xerencia do Hospital da Mariña fomenta a precariedade laboral"

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A CIG-Saúde da Mariña demanda da Xerencia do da EOXI de Lugo que mude a súa política de contratación, deixe de fomentar a precariedade laboral e aposte por dar a maior estabilidade posíposible ás e aos profesionais da sanidade pública coa creación urxente das prazas necesarias para cubrir as necesidades asistenciais.
23 Nov 2019

A CIG-Saúde da Mariña demanda da Xerencia do da EOXI de Lugo que mude a súa política de contratación, deixe de fomentar a precariedade laboral e aposte por dar a maior estabilidade posíposible ás e aos profesionais da sanidade pública coa creación urxente das prazas necesarias para cubrir as necesidades asistenciais. A central sindical denuncia que o persoal de nova incorporación no Hospital da Mariña tras da ampliación, farao mediante contratos de acúmulos, e terá que asinar 6 contratos para traballar un máximo de 6 meses.

Coa ampliación dun hospital ten que ir acompañada dun aumento de persoal de diversas categorías. Ante isto, dende CIG-Saúde pediron ao Xerente de Lugo, nunha xuntanza mantida o 27 de setembro do 2019, que se contemplara cara aos orzamentos de 2020, a dotación necesaria de prazas por mor da ampliación do Hospital da Mariña, xa que non requirían de máis argumentación que a necesidade propia da ampliación mesma.

A resposta foi que non se ían crear as prazas, que dependía do Sergas e do Goberno da Xunta e que seguramente pasasen varios anos sen que se materialice a creación destas, poñendo a modo de exemplo que aínda este ano se consolidaron prazas a causa da posta en marcha do Lucus Augusti. Por esta razón, sinalou que a única alternativa que lles quedaba era aumentar os cadros de persoal de xeito ficticio facendo contratos de acúmulo de tarefas, un modelo de contrato que, segundo a normativa vixente, non poden superar a duración máxima de 6 meses.

En xuntanza mantida o 16 de outubro coa Xerencia Executiva do Hospital da Mariña informouse dos aumentos de persoal por categorías (Enfermería, Técnicos/as Auxiliares de Enfermaría, Celadoras/es, Pinches), CIG-Saúde demandou que ditos contratos de acúmulos de tarefas, dado que se ían manter no tempo durante incluso anos, se ofertasen coa máxima estabilidade posible, é dicir, como un só contrato cunha duración de seis meses. Ante a negativa da Xerencia,pediuse que se ofertasen nun contrato de tres meses renovables por outros tres.

A comezos de novembro, a Xerencia fixo petición da cobertura destes acúmulos ofertando contratos con data fin 30 de novembro e renovables mes a mes polas persoas titulares, desoíndo a petición que se facía dende a CIG de darlles a máxima estabilidade posible.

Isto significa que cada unha das profesionais da sanidade da Mariña que foron contratadas van ter que asinar 6 contratos para traballar un máximo de 6 meses. Pero para poder asinar o seguinte contrato non poden estar enfermas, nin ter un accidente, nin estar ingresadas, nin en situación de baixa laboral, nin causar ausencia por mor da maternidade, xa que estar nalgunha das situacións anteriores imposibilita que poidan asinar o novo contrato de renovación, polo que quedarían desempregadas.

"A administración, que debera ser un referente en materia de contratación no mundo laboral, precariza e desprotexe ao máximo as súas traballadoras, artellando estes tipos de contratos míseros para desfacerse das profesionais no suposto de que enfermen" din dende a CIG.

Dende o sindicato nacionalista galego denuncian o maltrato ao que esta equipa directiva somete as súas traballadoras en materia de contratación, elevando a precariedade ao seu máximo expoñente e demandan da Xerencia que mude a súa política de contratación, ofertando a maior estabilidade posible ás profesionais do Hospital da Mariña.

0.17608404159546