A CIG mobilizarase o xoves nas Pontes contra "a farsa" da transición xusta

TerraChaXa
A central sindical chama a participar na protesta diante do Concello e facer unha cadea simbólica arredor da Casa Consistorial
concentracion-cig-as.-pontes
9 Jul 2025

A CIG ten convocada unha concentración este xoves, 10 de xullo, ás 20 horas, para denunciar "a farsa da transición xusta" nas Pontes. A central sindical chama a participar na protesta diante do Concello e facer unha cadea simbólica arredor da Casa Consistorial para denunciar o proceso de dura reconversión que sofre a localidade "sen que a día de hoxe existan alternativas reais para a reindustrialización e a creación de emprego".

"As Pontes é a zona cero da destrución industrial de Galiza. Dous anos despois de autorizarse o peche da central térmica, non existe nin un só proxecto industrial en marcha a pesar das múltiples promesas e anuncios realizados polo Goberno español, a Xunta e o propio Goberno municipal das Pontes, chegando incluso ao descaro de publicar datas concretas de inicio de obras", din desde a CIG.

Afirman que a realidade é "unha constante destrución de emprego industrial e unha crise socioeconómica marcada pola perda de poboación, a caída da xente moza e da afiliación á Seguridade Social, devaluación do salario medio, peches no comercio e a hostalería etc".

Din que alá da propaganda non existe ningún plan industrial nin concurso de transición xusta, e Endesa vaise co apoio do Goberno central, a Xunta e o Concello, marcando os tempos e sen asumir ningunha responsabilidade. "Até o propio MITECO recoñece, no mellor dos casos, que existe maior destrución de emprego que xeración, e que As Pontes ten as peores expectativas das zonas con presencia de Endesa. A tal punto, que As Pontes nin sequera conserva a capacidade de evacuación que tiña asignada a central térmica".

"Para afondar aínda máis nesta crise, Einsa Print comunicou a súa pretensión de pechar a actividade de artes gráficas. Coa gravidade e simbolismo de ser a primeira empresa en instalarse no Polígono de Penapurreira ao abeiro do Plan de Desenvolvemento asinado en 1997. Daquela preveuse, con dez anos de antelación, o impacto do peche da mina e obrigouse a Endesa e á Xunta a comprometerse por escrito e a cumprir unha serie de medidas con resultados moi positivos, que fixeron da localidade referencia estatal e europea", engaden.

"A CIG nunca foi cómplice da actual situación e non asinou ningún acordo dándolle cobertura a esta desfeita", din. Para reclamar medidas e acción política urxente a CIG convocou en novembro de 2023 unha folga xeral nas Pontes e unha manifestación en xaneiro deste ano. E por iso anima o pobo das Pontes a non quedar calado e a participar na protesta do vindeiro xoves para exixir un futuro con emprego e industria e o dereito a vivir dignamente na nosa terra.

⚙ Configurar cookies
0.31909799575806