A CIG presenta unha querela criminal contra Tegestacín
A CIG anunciou que presentou unha querela crimital contra a empresa Tegestacín, na súa factoría de Outeiro de Rei, "polo seu fraude co desmantelamento das instalacións".
Durante o mes de abril dende a CIG denunciaron publicamente a situación de inicio de desgüace das instalacións "o que tivo como consecuencia a paralización da mesma ó que se sumou o interese dun posible comprador".
"Sen embargo, o avanzado estado de desatención das instalacións, a retirada do material productivo conseguiu a perda de interese alomenos nesta fase. Lonxe de avanzar no procedemento concursal a empresa vén de retomar nesta semana a desmontaxe da maquinaria nas instalacións coa idea da venda completa a empresas de chatarra e sen garantías de repercutir os importes das operacións sobre as débedas actuais", indican.
Por este motivo dende a CIG e con persoal afectado polos impagos dos salarios e indemnizacións pendentes, instarase querela criminal por insolvencia punible, "posto que hai evidencias suficientes do delito que están a perpetrar os actuais administradores desta empresa". Do mesmo xeito, realizouse denuncia no posto da demarcación correspondente da Garda Civil diante da actuación de persoal alleo á empresa nas instalacións "no que está a supoñer unha clara operación en B desta empresa".
Dende a CIG instan a que dende a fiscalía se tomen medidas contra a situación "de impunidade e descaro coa que están actuando as persoas con responsabilidade neste entramado de empresas, pois en consecuencia estarase actuando a prol dunhas mellores garantías para as persoas acredoras, entre outros, o persoal despedido", conclúen.