A Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa inician en Friol unha campaña turística con paseos guiados
Este sábado, 29 de xullo, o GDR-4 e algúns dos concellos das comarcas de Lugo e A Ulloa (Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade) comezan un novo proxecto de promoción turística e cultural en colaboración co recoñecido guía e turismólogo lucense Guido Guía.
Será Friol, co apoio engadido do seu concello, o primeiro dos lugares onde se organicen estas actividades baixo o título Descubrindo a comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía. Nesta primeira xornada -gratuíta- o punto de encontro e final do paseo guiado -que terá lugar de 11h a 14h e será de dificultade media/baixa- será a Praza Andón Cebreiro. A maiores da ruta a actividade contará cun picnic posterior (ofrecido de balde pola organización e no que se incluirán produtos locais) e con música da comarca.
Este proxecto enmárcase nunha estratexia global do GDR-4, que xunto a Guido Álvarez Parga programan esta iniciativa que procurará poñer en valor as riquezas culturais, históricas, naturais, gastronómicas e artísticas de todos os concellos das comarcas de Lugo e A Ulloa.
Guido Álvarez Parga (proxecto Guido Guía) é un turismólogo, profesor univeristario (no Grao de Turismo da UNED en Lugo) e guía moi recoñecido a nivel lucense e galego polas súas iniciativas turísticas e culturais diferentes e innovadoras. Foi recoñecido cun dos premios Lucenses do ano 2020, co Travelers Choice da plataforma TripAdvisor nos anos 2022 e 2023, e outros galardóns que o acreditan na súa labor profesional.
A inscrición é gratuíta e pode facerse a través do correo info@comarcadelugo.gal e do teléfono 982 23 80 00.
A segunda cita será en Guntín, onde farán a ruta o día 9 de setembro.