A comercialización da carne, a debate en Castro nas sextas xornadas técnicas de ovino e cabrún
O Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal), a S. Coop. Galega Vélaro e a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) organizan as sextas Xornadas Técnicas de ovino e cabrún que se desenvolverán o luns 2 de outubro na aula de formación da Granxa Gaioso Castro en Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei).
Diego Fernández González, presidente de Ovica, será o responsable de abrir estas xornadas ás nove e media da mañá xunto ao deputado provincial de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega.
A xornada contará despois con dúas ponencias, unha mesa redonda, un xantar posterior á clausura e unha sesión práctica no matadoiro FRILEA.
O técnico especialista Rufino Jesús Gil Guerra, expero nacional e representante español do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente no Comité de Inspección de Clasificación e prezos de vacún e ovino da UE, falará sobre os "parámetros empregados na caracterización para a clasificación de canais de gando ovino e cabrún" entre as dez e as once da mañá.
Entre as once e media e as doce e media será o enxeñeiro agrónomo e técnico de OVICA e Pastores de Galicia, Carlos A. Rodríguez, o encargado de achegar as "potencialidades na comercialización de ovino e cabrún en Galicia: marca de garantía Pastores de Galicia".
A partir das doce e media, e ata as dúas e media, participarán na mesa redonda "Os piares da cadea de venda: produción, comercialización, cooperativismo e distribución" o director de compras de Vegalsa Eroski, Jorge Eiroá; o director xerente de AGACA, Higinio Mougán; e o presidente da MVMC de Carballo Vivo en Friol, José Manuel Iglesias.
Será o deputado Álvaro Santos o responsable da clausura destas xornadas antes do xantar no restaurante Suso onde será preciso realizar previa reserva.
Xa pola tarde, entre as cinco e as sete, desenvolverase en FRILEA unha sesión práctica. A entrada é aberta e gratuíta ao público.
As persoas interesadas deben confirmar asistencia no teléfono 687 77 80 13.