A comisión da Moexmu fai un balance moi positivo da edición que vén de rematar

TerraChaXa
Empraza á veciñanza á seguinte cita en Muimenta, a Festa da Filloa o próximo 1 de maio
comision-moexmu-2025
8 Apr 2025

A comisión organizadora da Moexmu 2025, en colaboración co persoal do Concello de Cospeito, está recollendo e limpando o recinto feiral Manuel Vila López de Muimenta, despois da fin de semana da Moexmu, para adecualo á celebración da XXXIV Festa da Filloa de Muimenta, que se celebrará o xoves primeiro de maio (xoves da feira no pobo).

A comisión organizadora da feira mostrou o seu agradecemento a todos os expositores (artesanía, maquinaria, produtos gandeiros e/ou agrícolas, etc), así como aos gandeiros e gandeiras participantes "a súa presenza e o seu compromiso coa Moexmu". Fixeron extensivo isto a todos os colaboradores, tanto públicos: Concello de Cospeito, Deputación Provincial de Lugo, Xunta de Galicia, USC; como privados: Africor Lugo, Progando, Grupo Aresa, Piensos Nanta, Hermanos Falcón, Federación de Escolas Familiares Agraria, Club de Can de Palleiro, Fundación TerrEO, entre outros.

"E por suposto aos visitantes que durante os días 4, 5 e 6 de abril, acudiron ao recinto feiral Manuel Vila López de Muimenta. Sobre todo, tendo en conta o mal tempo que tivemos durante gran parte da xornada do sábado", explicaron.

Destacaron a gran presenza de público nas actividades levadas no pavillón do recinto, en especial, nas diferentes seccións nas que se dividiu o concurso de xóvenes gandeiros e peladores novos, ademais no concurso e na poxa de gando, así como no monográfico de Can de Palleiro.

Agradecemos tamén os premios e distincións que a Moexmu obtivo ao longo dos últimos meses, como son o XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, o XV Premio Agader na categoría de Sector Agrícola Gandeiro que concedeu a Consellería do Medio Rural ou o Premio ao Turismo Sostible do Consorcio Provincial de Lugo. En próximos días engadirán o de Milagrosista do ano, que se recollerá o vindeiro venres 25 de abril.

"Queremos destacar tamén a implicación do medio centenar de alumnos e o equipo de profesores do Colexio de Muimenta. Acudiron, por segundo ano consecutivo, o venres pola mañá ao recinto, a ver esa parte da feira que moitos descoñecen (como se lava, pela ou se peina o gando). Estiveron, durante toda a visita, moi participativos, facendo moitas cuestións, sobre todo aos gandeiros e interesándose moito no pelado do gando", explicaron.

Destacaron, sobre todo, a inauguración do MOvemento EXtraterreste MUtante (a MOEXMU 2.0), unha gran sorpresa para todos os asistentes o venres ao Recinto Feiral Manuel Vila. "A implicación da veciñanza na Moexmu é evidente, ata nas xeneracións máis novas. Temos futuro!", dixeron.

Tamén amosaron satisfacción polas palabras de agarimo e felicitacións que transmitiron á organización tanto o xuíz desta edición (Javier Freije), como do escritor (Alfonso Raffin) que acudiu o domingo á presentación do seu libro aínda, finalmente esta non tivo lugar, quedando emplazada a unha nova data, aínda por confirmar.

"Agradecemento, por suposto, ao pregoeiro desta edición, Ricardo Durán, director da Fundación Abanca Semana Verde de Galicia, que no seu pregón puxo de manifesto os vínculos entre ambas feiras (Silleda e Moexmu), os grandes referentes no mundo agrario en Galicia, dende fai máis de catro décadas, e que esperemos, perduren no tempo", engadiron.

Nas vindeiras semanas, coordinarase unha reunión (entre Durán e Rus) para estudiar vías de colaboración e entre ambos eventos.

Igualmente, tanto a comisión da Moexmu como Africor Lugo, constataron que, a entrega de premios do concurso de gando do domingo, que se celebra contra o mediodía, "faise un pouco longa", para o que, se intentará coordinar cos patrocinadores, tanto públicos como privados, realizar a mesma dunha maneira moito máis áxil e breve, sobre todo nos agasallos de participación.

A mesma, seguramente estudarase, xunto con outras iniciativas que poidan xurdir, ao regreso do verán, na reunión preparatoria que a nova comisión convocará para organización da XLII edición, a do ano 2026.

"O éxito da Moexmu e grazas a todos eles e a combinación de moitos esforzos e colaboracións", concluíron.

A sexta comisión da Moexmu convida a toda a xente á Festa da Filloa – Festa de Interese Turístico de Galicia, o vindeiro xoves primeiro de maio, no Recinto Feiral Manuel Vila López de Muimenta, e avisa, que haberá algunha que outra sorpresa, que xa irán contado.

⚙ Configurar cookies
0.14123606681824