A comisión organizadora das festas patronais de Burela comezará a recoller donativos
As festas patronais de Burela terán lugar do 5 ao 8 de xuño e a comisión organizada comeza estes días a recoller os donativos para sufragalas. Da comisión forman parte catro persoas: os concelleiros Toñi Eijo e José Díaz, xunto a Belén Ramudo e Paco González. Con eles colaboran persoas a título individual e tamén a asociación de palilleiras.
José Díaz dixo esta mañá “queremos anunciar que a comisión de festas de Burela vai empezar a traballar para preparar os festexos deste ano. Son menos compoñentes que outros anos porque cada vez é máis complicado conseguir que xente voluntaria bote un cable para todo o que supón organizar as festas patronais. De feito só quedamos 4 na comisión e o que fixemos foi falar con asociacións, como a de palilleiras, que van axudar no proceso de pedir donativos para as festas e toda a loxística de preparalas. Ademais vai axudarnos Begoña, de Gaia, que ten experiencia organizando temas festivos, pois xa nos axuda a facer o Entroido a nivel de Concello, entón pensamos que tamén pode achegarnos cousas para as festas patronais”.
O edil burelés engadiu que “entón entre todos tentaremos facer unhas festas que manteñan o nivel de anos anteriores e que sigan gustando á xente. Como sempre, xa agradecemos de antemán o apoio de todo o comercio local e o armazón de empresas de Burela, que sen a súa achega sería imposible facer as festas dun nivel que sempre estamos afeitos ter neste concello. Elas empezarán a moverse polos comercios e demais negocios estes días. Por iso queremos contalo para que a xente sáibao porque os vai a ver polas tendas e establecementos de hostalería en busca de recadar o suficiente para organizar ben estas festas de Burela”.
Pola súa banda, Toñi Eijo contou que “as festas deste ano son o 5, 6, 7 e 8 de xuño. Temos o venres as orquestras New York e Paris de Noia, o día 6 actuarán Ritmo Novo e A Onda ADN, o domingo estarán #Finisterre e Galilea, e o luns temos a Palladium e Panorama. Agradecería á xente que colaborase coa organización das festas patronais de Burela”.