A compañía de teatro Malasombra Producións leva a Burela "O caso é ter saúde"
A compañía de teatro Malasombra Producións representará o venres 12 de abril no Auditorio Municipal de Burela o seu espectáculo O caso é ter saúde, unha comedia recomendada para maiores de 16 anos escrita por José Luis Prieto, dirixida por Marcos Orsi e protagonizada por Jouse García, Xoque Carbajal, Patricia Rodríguez, Celia González e Carlos Mosquera
O caso é ter saúde, cunha duración aproximada de 70 minutos, narra as vivencias de Miki un 22 de Decembro, día da Lotería Nacional. Lola, a súa parella, abandonao repentinamente despois de 20 anos de relación e poucos minutos despois o seu décimo resulta premiado con 400.000 euros do gordo. Desde o ton humorístico a obra non deixa de falar da condición humana, da súa ambición polo diñeiro e do que a xente é capaz de facer con tal de acumular riqueza.
A función terá lugar ás 21:00 horas e as entradas en billeteira custarán 4 euros.