A parroquia de Carballo celebra a súa tradicional Rapa das Bestas o 29
A comunidade do monte veciñal de Carballo convida a todo o mundo a participar e gozar da súa tradicional Rapa das Bestas, que se celebrará o 29 de xullo.
Este ano cúmprense dez anos desta festa, unha actividade que forma parte dun proxecto que naceu co orgullo de colaborar na recuperación do Cabalo Pura Raza Galega. A organización quere agradecer o esforzo de todos os voluntarios e colaboradores que dalgún xeito axudaronnas anteriores edicións; e fan unha mención especial a aquelas persoas que traballaron con anhelo e contribuíron a poder celebrar a décima edición da Rapa do Carballo.
Comezará a xornada coa subida das bestas ao curro, ás 9.00 horas. Para elo, xente a pé, cabaleiros e amazonas saíran na súa búsqueda polo monte, para posteriormente conducilas ao curro. Separando os poldros, dará comezo o gran espectáculo da pelexa corpo a corpo entre aloitadores e bestas, na que prima o bo trato aos animais e na que se aproveita a ocasión para realizar os axeitados tratamentos sanitarios.
Máis tarde haberá unha degustación de produtos típicos, seguido ás 14:00 dun bo xantar no monte do Carballo cun menú de polbo, churrasco, sobremesa, viño e café, todo isto por 20 euros.
Xa pola tarde ás 16:30 comezarán as emocionantes carreiras de galope, a intrépida xincana e a beleza técnica das carreiras de andadura que darán fin a xornada.