A comunidade educativa do IES Moncho Valcarce das Pontes esixe á Xunta melloras urxentes

TerraChaXa
Concentráronse onte ao mediodía á saída do centro para reclamar unha intervención inmediata no pavillón e outras instalacións
concentracion-alumnado-as-pontes-moncho-valcarce
12 Jun 2025

Este mércores, 11 de xuño, ás 14.00 horas, tivo lugar unha concentración diante do IES Moncho Valcarce das Pontes, convocada pola ANPA do centro, coa participación de alumnado, profesorado e familias. A mobilización tivo como obxectivo esixir á Xunta de Galicia unha intervención inmediata para arranxar o pavillón e outras instalacións que presentan un grave deterioro.

A asociación de nais e pais denunciara nas semanas previas as importantes deficiencias estruturais do instituto, que —segundo indicaron— poñen en risco a seguridade e o benestar do alumnado. Con esta acción reivindicativa quixeron facer visible a situación do centro e presionar para que se adopten solucións sen máis demoras.

Xa no mes de abril, o propio Concello das Pontes, xunto coa ANPA e a comunidade educativa, instara á Xunta a actuar con urxencia. O edificio, segundo alertaran entón, presenta un estado preocupante que dificulta o normal desenvolvemento da actividade académica e compromete o dereito do estudantado a recibir unha educación en condicións dignas.

A concentración serviu tamén para reforzar a unidade da comunidade educativa e expresar, dunha maneira clara, a súa determinación en defender un ensino público de calidade.

⚙ Configurar cookies
0.18105602264404