A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil reúnse cos representantes de cooperativas e sindicatos agrarios
O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), Francisco Marín, reuniuse este mércorescos representantes de cooperativas e sindicatos agrarios continuando coa rolda de encontros previstos na Demarcación Hidrográfica para avanzar cara a un Pacto Nacional pola auga.
Neste encontro estiveron presentes a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL), Cooperativas Ourensás (COREN), Sindicato Labrego Galego (SLG) e Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA); desculparon asistencia a Asociación Agraria de Novos Agricultores (ASAJA) e Icos Sociedade Cooperativa Galega (sector madeireiro).
Desta forma, continuamos os contactos iniciados polo MAPAMA, o pasado mes de xullo, co obxectivo de involucrar no Pacto Nacional pola auga a todos os axentes implicados na xestión ou o uso da auga, para dar resposta aos principais retos, coa máxima participación, diálogo e consenso.
O Pacto Nacional pola auga debe recoller as propostas técnicas para facer un uso máis eficaz, solidario e integrado dos recursos existentes. O punto de referencia serán os temas identificados nos plans hidrolóxicos do segundo ciclo, dando continuidade a este diálogo no marco do proceso de preparación dos plans hidrolóxicos do terceiro ciclo, de acordo co calendario establecido na Directiva Marco da auga.
Este futuro Pacto centrarase en catro grandes eixos: a atención de déficits hídricos, o cumprimento dos obxectivos ambientais fixados nos Plans Hidrolóxicos -saneamento e depuración e protección de espazos emblemáticos-, a posta en marcha dos Plans de Xestión de Riscos de Inundación e outra serie de medidas en materia de gobernanza da auga -recuperación dos custos asociados aos servizos da auga e mellora da xestión e dos procedementos ordinarios-.
Este encontro é o quinto, a nivel de Demarcación Hidrográfica, dos sete previstos a realizar cos usuarios, asociacións e organizacións non gobernamentais (ONG); o primeiro realizouse coas empresas titulares de Aproveitamentos Hidroeléctricos, a segunda con Asociacións Ecoloxistas, a terceira con Colexios Profesionais e a cuarta con Organizacións Empresariais, quedando pendentes os encontros cos Usuarios de Abastecemento e cos Sindicatos.