A conselleira de Medio Rural e Agromuralla reúnense para falar de estabilidade do sector lácteo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Gómez volveu apelar á responsabilidade da industria e insistiu en que as reducións nos prezos ofrecidos aos gandeiros non están xustificadas
reunion-conselleira-agromuralla
24 Mar 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse con representantes da asociación gandeira Agromuralla. Esta xuntanza forma parte da rolda de contactos que está a manter a titular deste departamento para avaliar a situación do sector lácteo, tendo en conta o actual escenario de renovación de contratos do leite e o aumento dos custes de produción derivados do conflito en Oriente Medio. Así, a conselleira incidiu na importancia de manter a sustentabilidade dos produtores nun contexto destas características.

Neste sentido, Gómez volveu apelar á responsabilidade da industria láctea e insistiu en que as reducións nos prezos ofrecidos aos gandeiros non están xustificadas. Lembrou que por parte do Goberno galego estase a actuar xa nesta materia, coa vixilancia sobre os contratos que se asinarán proximamente para verificar que cumpren o disposto na normativa vixente.

Do mesmo xeito, están a deseñarse novos controis para verificar a trazabilidade do leite e detectar así posibles incumprimentos na súa etiquetaxe. Este reforzo da vixilancia é froito das denuncias realizadas polo sector no referente a unha posible entrada de excedentes de leite doutros países da UE e baixo prezo.

Neste contexto, a Consellería do Medio Rural reclama ao Goberno central a inspección exhaustiva dos contratos do leite, a través da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), co fin de garantir o cumprimento da Lei da cadea alimentaria.

Tamén se solicita a intervención da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) para avaliar unha posible competencia desleal. Cabe sinalar que xa foi solicitada unha reunión urxente co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para abordar estas cuestións, así como outros de interese para o sector primario galego.

0.12628602981567