A conselleira de Medio Rural visita unha explotación que forma parte da IXP Ternera Gallega

TerraChaXa
María José Gómez explicou a Consellería completou o pago de case 12 millóns de euros en axudas a produtores do selo
visita-maria-jose-gomez-ternera-gallega-pastoriza
Visita de María José Gómez á explotación
4 Xul 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, visitou unha explotación de gando vacún desta localidade e que forma parte da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega, motivo polo que recibiu as achegas convocadas por primeira vez neste 2024 para apoiar aos produtores amparados por este selo de calidade diferenciada ás que se destinaron case 12 millóns de euros e se pagaron na súa totalidade con fondos propios da Xunta.

A explotación de David Pérez, na que produce carnes baixo o distintivo de Ternera Gallega Suprema, conta con máis de medio centro de animais e é unha das 4.578 beneficiadas das achegas convocadas pola Xunta. O obxectivo destas axudas é o de contribuír a paliar os sobrecustos que supoñen este tipo de producións.

A titular do Medio Rural puxo en valor a excelente calidade destas carnes, recoñecidas a nivel nacional e internacional, e por iso destacou a importancia de apoiar aos seus produtores para seguir mantendo os niveis de excelencia acadados tanto en Ternera Gallega como en Ternera Gallega Suprema. Por iso, afirmou nesta visita que se demandará ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que estas axudas poidan ir ligadas á Política Agraria Común e así implementalas dun xeito xeralizado para continuar apoiando este eido produtivo.

Así mesmo, María José Gómez resaltou a importancia do sector cárnico para a economía galega, xa que é unha das maiores fontes de emprego e actividade que ten a nosa comunidade no rural con máis de 43.000 explotacións e preto de 200 industrias, onde a IXP Ternera Gallega conta cunha gran relevancia e, polo tanto, o apoio que recibe redunda na consolidación do agro en Galicia.

Estratexia de dinamización do sector cárnico

No ano 2023 presentouse a Estratexia de dinamización do sector cárnico co obxectivo de perfilar unha serie de metas e medidas cun único fin, situar a Galicia como rexión de referencia na produción de carne, cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade. De feito, o 57 % da carne de vacún que se comercializa en España baixo unha denominación de calidade está amparada polo selo de Ternera Gallega.

Estas axudas, ademais de paliar os sobrecustos, serven para avanzar no desenvolvemento desta estratexia, especialmente naqueles puntos relacionados coa calidade, o benestar e a adaptación ás novas demandas do consumidor.

0.2208559513092