A conselleira do Mar asinou dous convenios de colaboración coa USC

TerraChaXa | AMariñaXa
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinou co reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, dous convenios de colaboración que teñen como obxectivo mellorar a produción marisqueira na comunidade.
4 Xul 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinou co reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, dous convenios de colaboración que teñen como obxectivo mellorar a produción marisqueira na comunidade. Unha das liñas de investigación está centrada en optimizar a produción de semente en criadeiros, que actualmente é insuficiente para cubrir as necesidades do sector, e a outra pretende buscar o mellor xeito de loitar contra os patóxenos do xénero vibrio, causantes de mortalidades que reducen a produción marisqueira.
A titular de Mar lembrou a importancia do marisqueo en Galicia, con milleiros de persoas dependentes desta actividade, e asegurou que é posible aumentar o emprego neste sector con melloras na produción, mediante estudos coma estes, e accións para garantir a sustentabilidade dos bancos marisqueiros e a rendibilidade da actividade. 
Neste sentido, incidiu na importancia da investigación para gañar en produtividade, algo que buscan os dous convenios asinados hoxe. A acción de investigación Criadeiro de bivalvos: análise integrado de cultivo e busca de indicadores prácticos aspira a mellorar a produción de semente en criadeiros tras analizar a influencia das bacterias nos individuos reprodutores, seleccionar as poboacións de proxenitores máis aptas e achar indicadores prácticos para predicir o éxito/fracaso dos cultivos.
Este traballo realizarano de forma conxunta a USC e o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, entre este ano e o que vén e contribuirá a avanzar no coñecemento dos problemas que afectan aos criadeiros de bivalvos. O convenio conta cun orzamento de algo máis de 78.000 euros que se destinarán a compensar os custos nos que incorra a USC no marco deste labor.
Mentres, a acción de investigación Poboacións microbianas e control de patóxenos en criadeiros de bivalvos busca o mellor xeito de loitar contra os patóxenos do xénero vibrio, causantes de importantes mortalidades que comprometen a produción marisqueira. Os traballos serán desenvolvidos tamén de forma conxunta por persoal do CIMA e da USC e permitirán afondar no coñecemento deses patóxenos e desenvolver protocolos que axuden a controlar a súa propagación.
A conselleira do Mar asegurou que o sector ten marxe de crecemento e apostou por seguir traballando en todos os eidos para mellorar os resultados dos últimos anos. En 2018 as lonxas galegas comercializaron máis de 9.500 toneladas de moluscos bivalvos, o cuarto mellor dato da serie histórica, e facturaron pola súa venda máis de 86 millóns de euros, o que supón un récord histórico.

0.13412714004517