A Copa Deputación de fútbol arrancará o 5 de xaneiro coa participación de 86 equipos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Efrén Castro subliñou que o torneo supón unha inxección económica para os clubs, entre os que se distribuén 25.000 euros
presentacion-copa-deputacion-de-futbol
7 Dec 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo patrocina un ano máis a Copa Deputación de Fútbol, na que participarán 86 equipos de 2 e 3 División Feminina, Preferente Autonómica Masculina, Primeira, Segunda e Terceira Autonómica Masculina.

A competición, que comezará a primeira semana de xaneiro, ofrece aos equipos de fútbol afeccionado a posibilidade de participaren nunha competición de ámbito provincial, con alicientes competitivos diferentes aos das ligas, ao tempo que supón unha inxección económica para os clubs, xa que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo premia os equipos participantes por cada eliminatoria xogada, con diferentes contías en función da categoría e da condición de local ou visitante (entre 250 e 400 euros). En suma, distribuíranse preto de 24.950 euros entre os equipos participantes.

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro sinalou que “o patrocinio desta competición responde ao compromiso da Vicepresidencia da Deputación co tecido deportivo, ao que se ofrece apoio económico con distintas liñas de axuda e tamén oportunidades para competir e seguir formando xogadoras e xogadores” e lembrou que “ao longo do ano se celebran tamén competicións de ámbito provincial noutras disciplinas como o baloncesto, o atletismo ou piragüismo con ese mesmo obxectivo”.

Efrén Castro valorou tamén “a contribución destes torneos á dinamización das localidades que acollen os encontros, xa que o fútbol é un deporte que conta con moitas persoas afeccionadas”

Na Liga Galega Feminina Segunda e Terceira participarán 9 equipos (CD Lugo B, SD Chantada, SD Antas, PM Friol B, SG Comercial, San Lázaro, ADC Monte Forte e Carballedo CF). Realizarase unha fase previa o 2 de marzo e continuará cos cuartos de final o 18 de maio. As semifinais serán o 1 de xuño
e a final o 15 de xuño.

A Preferente Autonómica e Primeira Autonómica Masculina contará con 23 equipos (CD Santaballés, Monterroso SD, Burela SD, SD Oural, Ribadeo FC, SD Residencia, Chantada Atl., Taboada CF, ED Lourenzá, SD Pol, UD Xove Lago, Club Lemos, CD Castro, CD Guntín, Meira FC, UD Pastoricense, SD Chantada, SCD Milagrosa, At. Escairón, SD San Lázaro, CD Foz, Vilalbés B e Outeiro de Rei SD).

A Fase Previa será o 5 de xaneiro, oitavos o 18 de maio, cuartos o 8 de xuño deixando as semifinais e final para o 15 e 22 de xuño.

54 equipos participarán en Segunda e Terceira Autonómica Masculina (Cabreiros, Muimenta, Candelaria, Folgueiro, Matela, Comercial, Celeiro Club del Mar, CD Cospeito, Cazás, Roupar, Castroverde, Rioaveso, Alfoz, Casás, Guitiriz, Riotorto, Friol B, Iberia, A Piringalla, Mondoñedo, Abadín, Goiriz, San Ciprián, Celta Barreiros, Xermade, Catro Roldas, SP Pontenova, Quiroga, San Roque, Chantada B, Carballedo CF, Lemos B, SD Becerreá, SP Lucense, Friol, Portomarín, Antas, Inicio, Santa Comba, Corgo, Bóveda, Palas, Sober, Paradela, Sarriana B, Monterroso B, Ferreira, Rubián, Taboada B, Brollón, Relámpago Taboada, Río Sil, O Páramo e Chantada Atl B).

O calendario iniciarase o 5 de xaneiro coa fase previa. Os dezaseisavos de final serán o 2 de marzo, os oitavos de final coinciden o 23 de marzo, os cuartos de final son o 20 de abril e rematarán o 8 de xuño coas semifinais e o 15 a final.

O acceso aos encontros será libre para as afeccionadas e afeccionados que queiran acudir.

A Copa completarase, como nas últimas edicións, coas categorías de base, desde prebenxamín ata xuvenil, que xogarán máis avanzada a temporada, en datas aínda por concretar.

0.16751194000244