A corporación de Foz aproba a nova RPT para os empregados municipais
O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, fai unha valoración moi positiva do pleno da corporación municipal celebrado o 28 de marzo porque se aprobou a nova RPT cunha ampla maioría e así valóranse xustamente os postos de traballo que hai no Concello. Por outra parte quedou encima da mesa o presuposto municipal para 2019 por iniciativa de FPF, aínda que puido ser aprobado co voto de calidade do alcalde.
“Desde o equipo de goberno do Concello de Foz facemos unha valoración moi positiva do pleno de onte porque se aprobou definitivamente a RPT do Concello de Foz cunha ampla maioría. É unha RPT consensuada cos traballadores, co beneplácito dos seus representantes, e tamén cos grupos da corporación, que traballaron en paralelo co equipo de goberno. A verdade é que hai que destacar o clima amable nestes meses de negociación e cremos que con elo sacamos unha RPT xusta para o Concello e tamén para os traballadores, que corrixe aqueles defectos que quedaron da RPT aprobada no 2009 e valora xustamente os postos de traballo que hai no noso Concello”, explica o rexedor municipal.
Javier Castiñeira sinala que “a masa salarial do noso Concello representa cerca dun 40 por cento dos custes totais que teñen os orzamentos do Concello, está na media e incluso por debaixo doutras administracións. E desde logo era necesario equilibrar esas circunstancias e que os traballadores non estiveran desfavorecidos, como viñan estando ata estes últimos anos. Con elo este equipo de goberno, en oito anos, actualizou a RPT do ano 2009 máis agora volve aprobar outra actualización e mostra un compromiso importante cos seus traballadores”.
Por outra parte, o alcalde de Foz comentou: “tamén estamos contentos de que Foz Plataforma de Futuro mostrase novamente a vontade de negociar os orzamentos municipais deste ano. Estivemos de acordo en deixalos encima da mesa porque cremos na boa vontade de Foz Plataforma de Futuro e así o demostrou no ano 2018 aprobando os orzamentos de mínimos desa anualidade, máis aprobando tamén o plan económico financeiro, que ao final permitiu que hoxe en día se abrise a residencia. Polo tanto con ese voto de confianza, aínda que se podían aprobar co voto de calidade os orzamentos, debido á falta de tres concelleiros da oposición, nós entendemos, desde o equipo de goberno, que é máis importante que os orzamentos vaian ben elaborados e consensuados. Imos citar a Foz Plataforma de Futuro para traballar neses orzamentos un pouquiño máis, e se se chega a un acordo levar a un pleno extraordinario o novo orzamento xa consensuado, tendo en conta que con elo tamén estaríamos respectando a vontade da maioría da corporación. Creo que uns orzamentos importantes, como son os deste 2019, non deben ser aprobados só con cinco votos a favor e co voto de calidade do alcalde posto que penso que debe estar máis traballado e consensuado. Polo tanto abrimos esa porta e merécenos a confianza Foz Plataforma de Futuro porque así nolo ten demostrado, e brindámonos a traballar durante toda esta semana próxima nos orzamentos municipais e poder sacalos o antes posible”.