A Coruña celebra este martes a súa homenaxe anual a Manuel María

TerraChaXa | LugoXa
O teatro de Manuel María, a través da peza A lúa vai encuberta, dirixida por Tito Asorey, será o protagonista da velada artística
HOMENAXE A MANUEL MARIA LUA ENCUBERTA
19 sep 2022

O teatro de Manuel María, a través da peza A lúa vai encuberta, dirixida por Tito Asorey, será o protagonista da velada artística no Rosalía de Castro.

O teatro Rosalía Castro acolle este próximo martes, día 20 de setembro, ás 20.30 horas, con entrada gratuíta, unha nova edición, a décimo terceira, de Lúas de Outono, homenaxe anual a Manuel María que se celebra na cidade da Coruña que o escritor escolleu para vivir na súa última etapa vital. Esta será a primeira edición de Lúas de Outono sen Saleta, compañeira de vida de Manuel María e presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, falecida o pasado sábado, e que será lembrada de maneira especial no decorrer do acto.

O teatro de Manuel María será o protagonista das Lúas de Outono deste ano, a través da representación d’A lúa vai encuberta, das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, dirixida por Tito Asorey, director de éxitos recentes como Fariña e Somos Criminais, e protagonizada no escenario por Melania Cruz, Vanesa Sotelo, Davide González e o propio Tito Asorey. Este último ten manifestado que este espectáculo, baseado na peza homónima do mesmo Manuel María, non se oculta tras o parapeto de “non dar respostas só formular preguntas”. “Na miña vida – sinala Asorey - xurdiu Manuel María e A lúa vai encuberta e preferín, a cara descuberta e co pulso claro dun país, ofrecer claramente respostas a moitas preguntas, entre elas, explicar como o noso país chegou até aquí”.

Este espectáculo (trailer: https://vimeo.com/615012780?embedded=true&source=vimeo_logo&owner=152017931), gañador da IIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, leva máis de un ano xirando por toda Galiza cunha acollida e un suceso extraordinario nas case 50 representacións realizadas. A peza é un verdadeiro mestrado sobre a historia contemporánea de Galiza desde unha óptica propia, ao tempo que un chamamento á acción para a modificar. Nos últimos Premios de Teatro María Casares recibiu sete nominacións e o premio á mellor adaptación teatral dun texto literario.

A noite da XIII edición de Lúas de Outono tamén incorporará un momento especial cunha homenaxe a Saleta Goy, compañeira de vida de Manuel María, recentemente falecida, e até agora presidenta da Fundación e da Casa-Museo Manuel María. Uxía interpretará algúns dos moitos poemas que Manuel María lle dedicou á súa compañeira de corenta e cinco anos de vida.

Alberte Ansede, secretario da Fundación e da Casa-Museo Manuel María, organizadora das Lúas de Outono, salientou esta mañá (achégase audio con esta nota) que “esta edición de Lúas de Outono vai ser moi especial para nós pois por unha parte desvélase o potencial e a actualidade do teatro de Manuel María, descubrindo outro Manuel María máis aló da súa poesía e podendo desfrutar dunha peza marabillosa. E pola outra parte, por primeira vez, fáltanos o sorriso de Saleta, un baleiro que nós trataremos de encher cunha sentida homenaxe coa colaboración de Uxía e das propias compañías teatrais.”

A entrada para este espectáculo, que conta coa axuda e a colaboración da Deputación da Coruña e o Concello da Coruña, é gratuíta mais é necesario reservar o billete en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. No caso de sobrar billetes, poranse unha hora antes do inicio do espectáculo na billeteira do teatro Rosalía.

0.1289918422699