A Cova do Rei Cintolo, unha xoia xeolóxica agochada

TerraChaXa | AMariñaXa
28 Abr 2019

Unha das xoias a Mariña Lucense, polo seu contido histórico e científico é a Cova do Rei Cintolo, situada na parroquia de Argomoso (Mondoñedo). É a cova calcaria máis grande de Galicia e no seu interior pódense observar estalactitas e estalagmitas dunha enorme beleza. Nun paseo polo seu ventre atopamos unha fantástica paisaxe de salas e galerías, e ata un pequeno lago e ríos subterráneos. Tanta abundancia de auga deu orixe a caprichosas formacións xeolóxicas. En total forman un total de case 7.500 metros de lonxitude, formada por 15 galerías, o que fai que sexa a cova coñecida con maior percorrido horizontal de Galicia, un dato que lle aporta un valor engadido a todo o que este lugar pode ofrecer ao visitante.
En primeiro lugar, no aspecto xeolóxico, hai que indicar que a cova sitúase no macizo calizo de Mondoñedo, que corresponde a un afloramento calcáreo (Caliza de Vegadeo) que discorre desde Abadín ata Mondoñedo situándose no lado dereito do val conformado pola canle do río Valiñadares (afluente do Masma). Este alforamento presenta unha lonxitude de 5 quilómetros, cunha potencia inferior aos 100 metros, reposando sobre materiais silíceos pertencentes ás Pizarras de Cándana. O val está xeolóxicamente situado na Zona Asturoccidental Leonesa. A unidade estratigráfica corresponde ao denominado Manto Mondoñedo, situándose a cova no Cámbrico Inferior e Medio.
No aspecto espeleolóxico, a cova, explorada polo Club de Montañeros Celtas, estrutúrase en varios niveis de galerías ata acadar unha cota de profundidade máxima de 75 metros desde o punto de entrada.
Presenta unha estrutura onde se poden distinguir catro sectores: Sector Central (en horizontal dende a boca de entrada), Zona Nova, Vía dúas Apóstolos e Dédalo Sur (en zonas inferiores). Polo punto máis baixo, circula o Río Celtas. En todas estas salas pódense atopar diversos espeleotemas de gran beleza: estalactitas, estalagmitas, columnas, gours, coadas, bandeiras e un pequeno lago. Ademais é refuxio de morcegos pertencentes a varios xéneros (Rhynolophus, Myotis...) e mantén interesantes colonias de invertebrados, incluso descobreron no interior algún crustáceo único no noroeste peninsular.
A cova foi explorada, dende o punto de vista arqueolóxico, por primeira vez por José Villaamil y Castro na década de 1870, da que deixou constancia no seu libro Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia. En 1893 cítase no xornal La Voz de Luarca outra exploración e un ano máis tarde aparece citada na guía de Gabriel Puig y Larraz chamada Guía de cavernas de España. Daquela estimábase a dimensión da cova nuns 200 metros.
En 1954, a iniciativa do Club Montañeiros Celtas de Vigo, fíxose un campamento para a exploración e topografía da caverna. Descubríronse novas zonas na cavidade, así como o río subterráneo, ao que chamaron río Celtas. Máis tarde, distintos grupos espeleolóxicos de toda España foron completando as investigacións e os traballos de topografía. A finais dos anos 1960 comezan os intentos de obter unha topografía xeral da cova, ao tempo que se descobre a galería Venus, á dereita da sala do Río (tamén coñecida como salas Finais do Río).
En 1973 a cova gaña sona grazas a un documental de TVE, que supuxo a primeira filmación da cova. A partir daquela a caverna comezou a ser visitada por un gran número de persoas, que provocaron deterioros no seu interior. En 1976 decidiuse colocar un enreixado na entrada, debido aos espolios que estaba a sufrir a caverna, que ameazaban coa destrución da cavidade.
Nas escavacións dirixidas no verán de 2002 pola arqueóloga Rosa Villar atopáronse materiais da Idade de Ferro, da cultura castrexa (cerámica e osos de vaca, porco e cervo) na súa entrada. En 2006 o concello de Mondoñedo puxo en marcha un sistema de visitas guiadas á caverna, poñendo fin a unha época de peche que semellaba definitiva.
LENDA
A cavidade é obxecto de distintas lendas, por exemplo, a que lle dá o nome a cova. Esta lenda conta que o Rei Cintolo, que era dono e señor de todo o val de Brea, tiña unha fermosa filla chamada Xila, que estaba namorada dun conde chamado Uxío, máis nobre e honesto que rico. Pero un feiticeiro chamado Manilán estaba celoso deste amor, sepultou o reino de Cintolo no interior da terra. Cando Uxío regresou victorioso tras matar a Manilán non atopou máis pegada do Reino de Bría que a boca dunhas fermosas covas. Uxío entrou na cavidade en busca da súa amada e nunca máis regresou. Aínda hoxe, algúns amenceres, pode verse á porta da Cova á bela Xila peiteando ao vento os seus lacios cabelos dourados, esperando que alguén desfaga o encanto do malvado feiticeiro para renovar os seus días de amor e felicidade. Din que aquel que o logre será cuberto de riquezas polo Rei Cintolo.
VISITAS
A Cova do Rei Cintolo conta xa cun sistema de visitas establecido na procura de manter este ben xeolóxico e cultural. É recomendable comprar as entradas con antelación e estar polo menos media hora antes na oficina de turismo para poder cambiarse. Dende a oficina ata a propia cova hai sete quilómetros en coche, percorrido que se realiza co guía.
Unha vez no lugar de partida, a visita durará unha hora e media aproximadamente. Outra recomendación para visitar este lugar acochado da Mariña Lucense é a vestimenta, débese levar un calzado de goma, roupa cómoda e que non importe emporcar. Ademais, é interesante levar unha muda para cambiarse ao finalizar o percorrido.
Visitar a Cova do Rei Cintolo é sen dúbida unha actividade que non defraudará. A paisaxe exterior dos arredores é precioso e o feito de estar preto da costa de Lugo outórgalle un ambiente especial.
Cada ano, en tempada de primavera-verán, a cavidade reábrese ao público. Para participar no programa de visitas hai que reservar na Oficina Municipal de Turismo ou chamando ao teléfono 982 507 177. Os horarios de visita son: venres ás 17:00h e os sábados e domingos ás 12:00h e 17:00h.
A entrada ten un prezo de 15 euros por persoa (só para maiores de 12 anos, grupos de 4 a 12 persoas).
 

0.11163187026978