A covid retrocede en toda a Mariña, agás no Vicedo, que suma un caso
Nova xornada de récord de positivos e contaxios na provincia de Lugo. Este domingo o Sergas certifica un total de 1.666 casos activos, 121 máis que onte (na xornada anterior foron 96). Rexistráronse neste tempo 157 contaxios novos (onte foron 170) e as altas chegaron ás 7.398, 50 máis que o sábado (o día anterior foron 92).
Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 9.232 casos rexistrados e 160 persoas falecidas, nas que non se integran os casos de residentes de centros de maiores que faleceron noutras provincias tras ser trasladados. Estes dous falecidos foron un home de 86 anos que estaba no hospital de Monforte e unha muller de 84 da residencia asilo de Ribadeo.
A presión hospitalaria continúa aumentando. A UCI do Hula mantense con 11 ingresados mentres nas plantas suman sete casos máis ata os 48 de hoxe. Hai 24 no hospital de Lugo (3 máis), 19 na Mariña (2 máis) e 4 en Monforte.
COMARCA
Na Mariña, a zona máis afectada, a do occidente, camiña a estabilización. Viveiro retrocede unha xornada máis ata os 237, 20 casos menos dende onte. Tamén Xove sugue á baixa e sitúase en 78, un menos que onte. No Vicedo hai tamén un pequeno aumento dun caso e xa son 29. Tamén baixan os contaxiados en Burela, que ten 49, tres menos; en Cervo, con 17, catro menos; Ribadeo, con 26, un menos, e Foz mantense en 12.
O resto de concellos mariñaos teñen baixa a incidencia e Trabada é o único sen contaxios de covid na última quincena.
Na Terra Chá, Vilalba sobe por riba dos cen contaxios na última quincena mentres A Pastoriza segue reducindo a súa incidencia. Ademais Friol Riotorto, Outeiro de Rei e Begonte soben tamén dos dez casos.
No sur da provincia é onde a situación está máis descontrolada. Monforte e Sarria seguen aumentando contaxios sen control. Agora mesmo no primeiro hai 145 (22 máis que onte) mentres o segundo ten 134 (12 máis que onte), neste caso debido a un gromo detectado na residencia de maiores, con 47 usuarios e tres traballadores afectados. Xunto a estes están afectados e en aumento tamén Quiroga con 68 (6 máis), Chantada con 33, O Saviñao con 22, e Pantón con 17. Sober matense con 10 casos e Bóveda con 11.
No centro, Lugo suma 38 casos máis ata os 279 e destacan os 41 de Palas de Rei, os 17 de Láncara e os 10 de Monterroso.