A Cruz Vermella iniciará en Begonte un curso gratuíto de atención sociosanitaria profesional

A Cruz Vermella de Lugo porá en marcha a comezos do mes de marzo en Begonte un novo curso de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, unha formación orientada principalmente a persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego. A iniciativa enmárcase nas accións formativas destinadas a mellorar a empregabilidade nun sector con alta demanda de profesionais cualificados.
Os cursos conducirán á obtención do Certificado de Profesionalidade de nivel 2 SSCS0208 e impartiranse de maneira gratuíta en instalacións modernas e totalmente equipadas.
Aínda que a prioridade será para persoas desempregadas, tamén poderán participar persoas en activo, ata un máximo do 30 % das prazas dispoñibles. Desde a entidade destacan que esta formación ofrece amplas saídas laborais, permitindo acceder a postos como coidador ou coidadora de persoas con diversidade, de persoas dependentes tanto en institucións como en domicilios, así como a xerocultor ou xerocultora.
A Cruz Vermella subliña que este curso representa unha excelente oportunidade para adquirir unha cualificación recoñecida oficialmente e incorporarse a un ámbito profesional clave no coidado e atención ás persoas, contribuíndo ao mesmo tempo á mellora da calidade dos servizos sociosanitarios.