“A declaración Ari supón un gran impulso para a mellora do núcleo”
Francisco Balado é o alcalde de Castro de Rei desde o ano 2011.
Pode facernos un balance desta lexislatura?
O balance que podemos obter é positivo, e facemos precisamente esta afirmación debido ó número de proxectos e inversións que se acometeron durante esta lexislatura e que fixeron posible mellorar moitos servizos que se prestaban con dificultades e agora se prestan en mellores condicións.
Que quedaría por facer de cara a este ano?
Aínda que sempre quedan cousas por facer nos concellos, no caso de Castro de Rei quedan proxectos pendentes que se ben xa están iniciados, aínda non concluíron, son actuacións tanto de competencia autonómica como municipal. Temos dúas concentracións parcelarias pendentes como son a de Triabá, que está pendente de aprobación por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en relación co proxecto de obras e camiños, e a de Viladonga, que se está a desenvolver na fase de medición de fincas, e investigación da propiedade e que aínda non estando concluídas, supoñen proxectos importantes de reestruturación da propiedade nunha zona de forte implantación do sector lácteo. Logo temos outros proxectos importantes como son o da ampliación do Parque Empresarial de Castro Ribeiras de Lea e o da ampliación da EDAR do polígono que van intimamente ligados entre si, xa que non pode ampliarse o Parque Empresarial en tanto non se amplíe a EDAR. Esta actuación está prevista por parte da CHMS, organismo que redactou o proxecto de reforma da planta e está agora a iniciar os trámites para redactar un modificado sobre o proxecto orixinal, debido á necesidade de ampliación da capacidade de vertido da planta. Por outra banda temos outros proxectos importantes, de ámbito municipal, como son o da rehabilitación das zonas comúns do núcleo urbano de Castro de Rei, vinculados ás axudas concedidas ao abeiro da declaración de Zona ARI, entre as que se inclúen como primeiras actuacións o acondicionamento da muralla, xa comprometido dende o ano 2021 e o pavimentado das rúas e beirarrúas do conxunto histórico, así como a mellora das beirarrúas da praza do Concello e xa en materia urbanística a redacción dun PEPRI que permita edificar no ámbito do Conxunto Histórico de Castro de Rei.
Houbo un forte investimento no abastecemento de auga. Pode resumirnos como están as obras neste momento?
As obras están rematadas e a traída está a funcionar sen problema algún garantindo o abastecemento con normalidade. Foi un investimento que se desenvolveu en dúas fases cunha inversión que acadou o millón de euros, dos que a Xunta de Galicia asumiu o 80% e o resto foi financiado con cargo ás arcas municipais.
Tamén se apostou pola reciclaxe.
É certo, a primeira das actuacións foi a adquisición dun remolque multiservizos cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente que permite achegar a reciclaxe a distintos puntos do concello para evitar desprazamentos dos usuarios. Igualmente renováronse todos os contedores de aceite usado e instaláronse máis unidades nas zonas rurais a través dun convenio cunha empresa que recolle o residuo e xa máis recentemente fíxose unha segunda entrega de composteiros domésticos para completar a campaña que se iniciara no ano 2014. Actualmente imos instalar contedores de materia orgánica naquelas zonas onde se xeran residuos orgánicos que adoitan mixturarse co lixo que se deposita no contedor verde.
Hai moitas queixas pola situación sanitaria. Que postura ten o Concello sobre isto?
Si que hai algunha, como é lóxico. A postura do Concello é a mesma que a de moitos concellos de España e de Galicia, por unha banda nós sempre nos diriximos á Consellería de Sanidade, porque no ámbito autonómico é o organismo a quen se dirixen os concellos cando teñen un problema sanitario, pero por outra a estas alturas aínda que a situación sanitaria se utiliza en cada comunidade autónoma para facer política contra quen goberna en cada unha, todos e todas somos conscientes de que a falta de médicos e especialistas é un problema de ámbito nacional que as comunidades non poden solucionar e só o Ministerio de Sanidade pode atallar a través da convocatoria de máis prazas de médicos e especialistas para que as CC.AA poidan solucionar as carencias que teñen. Ademais é un dato contrastado que en todas as convocatorias de prazas MIR hai moitos máis aspirantes que prazas, o que demostra que hai suficientes médicos aspirantes que queren ter praza, pero en cambio non se convocan as prazas necesarias para cubrir a demanda existente.
"Nos concellos sempre hai necesidades, unha importante sería poder completar o abastecemento á totalidade de núcleos de poboación"
As inundacións fixeron dano no termo municipal. Que accións se van tomar?
Si fixeron moito dano, principalmente na rede viaria. Poucas accións preventivas se poden adoptar porque na comarca da Terra Chá as inundacións sempre afectaron cando choveu moito, coa particularidade de que uns anos causan máis dano que outros. O que si podemos facer é manter o máis limpos posibles os leitos e desaugadoiros que sexan de competencia e titularidade municipal, non coa finalidade de evitar inundacións que como digo é algo consubstancial á nosa zona, senón coa finalidade de permitir un desaugadoiro máis acelerado naquelas zonas que enchen en pouco tempo. Agora o que imos facer é acondicionar na medida do posible as estradas que sufriron danos para facilitar o tránsito viario e tratar de repoñer os elementos afectados así como a limpeza de desaugadoiros que quedaron taponados.
Ao final logrouse rematar o proceso de adxudicación da escola infantil?
Si, conseguimos rematalo e adxudicar definitivamente á nova empresa que prestará o servizo.
A declaración de Área de Rehabilitación Integral supuxo un importante apoio para Castro de Rei. Que se avanzou ata o de agora?
Si, está a supoñer un importante impulso para o acondicionamento de varias edificacións do núcleo de Castro de Rei e tamén para a rehabilitación completa dalgunha edificación que se atopaba en estado ruinoso. O máis importante é que está a espertar o interese dalgunha xente por edificacións situadas no núcleo urbano e incluso por algún local de negocio que se vai instalar apoiándose nestas e noutras axudas. Durante o primeiro ano de vixencia da declaración xa houbo dúas adquisicións de inmobles para rehabilitación e igualmente supón un apoio importante para os proxectos públicos, xa que o Concello pretende desenvolver proxectos de acondicionamento de espazos públicos apoiándose nas axudas concedidas para os que xa temos un proxecto redactado e comprometido. Sempre é importante poder obter fondos públicos para desenvolver actuacións. Actualmente a declaración de zona ARI atópase na primeira fase, pero é unha declaración importante que vai permitir cambiar a imaxe da vila en pouco tempo, e que permitirá contrastar o estado do núcleo de Castro de Rei, antes e despois da Declaración de Zona ARI.
Que outras necesidades ten o Concello a día de hoxe?
Nos concellos sempre hai necesidades, unha importante sería poder completar o abastecemento á totalidade de núcleos de poboación, algo que está a resultar máis difícil do previsto debido á orografía do terreo, xa que hai moitas diferenzas de altitude entre as zonas por onde discorre o trazado da rede de abastecemento xeral e as zonas situadas en cotas máis altas.
E de cara xa a o futuro, cales son as principais proxeccións?
Creación de máis solo industrial, a través da ampliación do parque empresarial existente, acondicionamento e mellora dos espazos públicos no núcleo de Castro de Rei e desenvolvemento do PEPRI no conxunto histórico. Construción dunha praza pública en Castro Ribeiras de Lea e continuar promovendo concentracións parcelarias nas zonas que están pendentes.
Cales serían as características e a definición deste concello?
É un concello rural no que temos a sorte de ter moi diversificada a actividade económica existente. Por unha banda contamos cun sector primario moi destacado no ámbito da produción leiteira, xa que somos o segundo concello da provincia que máis leite produce, así como o cuarto a nivel galego, o que supón ademais en termos de emprego a creación de postos de traballo vinculados ao medio rural e ás explotacións e por outra banda temos unha importante industria vinculada á transformación do leite, da carne e dos servizos que xera numerosos postos de traballo e que permite que a actividade económica poida estar diversificada e fixar poboación dentro do concello.
O desenvolvemento en Rozas que lle supón ao concello?
Suponlle poder contar cunhas instalacións punteiras no ámbito da aviación non tripulada a través desta iniciativa liderada por parte da Xunta que ten como finalidade promover solucións innovadoras baseadas en vehículos aéreos non tripulados .