A delicuencia descende en Rábade un 35%
Isabel Rodríguez explicou que os datos amosan unha tendencia positiva ao reducirse o número de delitos, pasando de 73 infraccións penais no 2019, ano prepandemia, a 47 no 2021.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Rábade, Francico Xosé Fernández, copresidiron onte a Xunta Local de seguridade do municipio, que se reuniu para analizar a situación da seguridade cidadá e estudar os resultados dos Plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade. A xuntanza tivo lugar esta mañá na Casa do Concello e contou coa participación, tamén, de representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico e a Policía Auntonómica.
Isabel Rodríguez mostrouse satisfeita polo descenso da criminalidade no concello de Rábade, tal e como indican as estatísticas da Garda Civil. Concretamente, explicou que os datos amosan unha clara tendencia positiva ao reducirse un 35,6% o número de delitos que se produciron no municipio, pasando de 73 infraccións penais no 2019, ano prepandemia, a 47 no 2021.
A subdelegada felicitou á Garda Civil polo seu extraordinario labor e animouna a proseguir na mesma liña de traballo porque “os datos son favorables, pero non hai que darse por satisfeitos nin baixar a garda cando se trata da seguridade das persoas”.
Así, avanzou que o 2021 foi un gran ano en materia de seguridade no concello de Rábade, pois tamén descenderon os delitos graves e menos graves ao pasar de 49 a 24, entre eles os delitos contra o patrimonio, as persoas, a liberdade sexual, a seguridade colectiva e orde público. Ademais, os axentes da Garda Civil detiveron a 8 persoas o ano pasado pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delitos e investigou a outras 3 persoas.
Por outra banda, a subdelegada do Goberno tamén chamou a atención sobre a situación da violencia de xénero e informou de que, no que levamos de ano, rexistráronse en Rábade 5 denuncias por este motivo. Ademais, destacou que nos tres últimos anos non se produciu ningunha denuncia por quebrantamento.
Seguridade escolar
A Xunta de Seguridade de Rábade tamén deu conta do Plan Director para a Convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos do municipio. Neste sentido, a subdelegada detallou que no curso académico 2021/2022 a Garda Civil impartiu 19 charlas sobre acoso escolar, riscos das novas tecnoloxías, adiccións, ciberseguridade, violencia de xénero e prevención de incendios forestais, destinadas ao CEIP Otero Pedrayo e o IES Río Miño.