A demanda enerxética e o caso de Muras centra nun novo Encontro de Lúa Chea na EPS
O alcalde da localidade, Manuel Requeijo, e o profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC Damián Copena abordarán esta temática nun faladoiro programado para o 19 de outubro, a partir das 19.30 horas, na cafetería do centro universitario.
A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC retoma o 19 de outubro os Encontros de Lúa Chea, concibidos como palestras de análise e debate sobre cuestións de actualidade. A primeira sesión do novo curso deste ciclo, que está incluído na programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, permitirá afondar sobre o coñecemento das causas e das consecuencias dun consumo enerxético moi elevado, así como respecto do impacto que teñen as enerxías renovables e o seu aproveitamento sobre o territorio.
O alcalde do Concello de Muras, Manuel Requeiro, e o profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC Damián Copeno, serán os relatores encargados de abordar a relación entre demanda enerxética, eólicos e territorio, na sesión aberta que se desenvolverá o xoves 19 de outubro, a partir das 19.30 horas, na cafetería da EPS de Enxeñaría.
A sesión permitirá ao público asistente reflexionar sobre a sociedade actual, que está construída sobre un consumo enerxético moi elevado e que tende a aumentar. Se a iso lle unimos que este consumo se sustenta sobre un uso intensivo de combustibles fósiles, a situación revélase como insustentable no tempo. E o cambio climático e o quecemento global son unha das mostras máis evidentes de que isto é así.
Diante desta situación, o cambio cara a un modelo baseado no uso de enerxías renovables preséntase como a alternativa sustentable. Vento, auga ou sol representan fontes enerxéticas inesgotables e que levan asociada unha baixa emisión de gases de efecto invernadoiro. Desde ese punto de vista, a proliferación de parques eólicos no territorio galego nos últimos anos non pasa desapercibida, así como tampouco a polémica que xera esta expansión.